Pablo Fernández Eiras (+87 quilómetros, Mat´s) disputará este domingo 13 de maio o Campionato de Europa, que se está a disputar estes días en Kazán (Rusia). Ademais, tamén contamos coa presenza de María Bautista, que exercerá como xuíza durante todo o torneo.
Pablo non competiu moito esta tempada, pero nestes intres se atopa ben: “Competín na Copa Presidente de Grecia hai unha semanas e a verdade é que tiven boas sensacións. Creo que chego nun nivel de forma bastante bo“, explicou. No Europeo pensa en “ir combate a combate, ir pasando rondas e tratar de chegar a medalla. O obxectivo é estar sempre arriba”.
Este ano Fernández Eiras acadou a medalla de prata no Campionato de España e caeu en segunda rolda da Copa Presidente contra Oleg Kuznetcov (Rusia), quen ao final logrou a vitoria neste peso. No seu peso, formado por 16 deportistas, os principais rivais son os representantes de Rusia (son tres e un deles é Kuznetcov) e Azerbaián, aínda que nun torneo sempre pode saltar unha sorpresa.