Galicia estivo magníficamente representada esta pasada fin de semana no Open de Polonia, onde os nosos deportistas acadaron seis medallas (1 ouro, 4 pratas e 1 bronce). A júnior Alma Pérez (Suh Sport) logrou o ouro, mentres que Cloe Iglesias (Patiño Moaña), Pablo Patiño (Patiño Moaña), Javier Torrado (Suh Sport) e José Fernández (Natural Sport) foron prata e Iván García (Mat´s) sumou o bronce. O Open de Polonia es un torneo G-1 e contou coa participación de case 1.600 taekwondistas das categorías cadete, júnior e sénior.
O ouro foi para a júnior do Suh Sport Alma Pérez (-52 quilogramos), que está nun momento espectacular. A galega fixo cinco combates e en todos estivo moi segura. Comezou contra Antonia Ioannou (Grecia) á que venceu por 4-13, posteriormente eliminou a Linda Cecchi (Italia). En cuartos superou a Maria Butcaru (Suecia) por 8-17 e nas semifinais gañou a Jamila Siddiqui (Gran Bretaña) por un rotundo 17-3. A final foi contra a belga Lies Vicca, a que tamén superou con facilidade (2-9).
Na categoría sénior, magnífíca actuación de José Fernández Rey (Natural Sport, -74 quilogramos), que logrou a medalla de prata. Venceu na primeira rolda a Hungría por 13-4, a Dinamarca na segunda por 10-4 e ao representante de Polonia por 19-10 en cuartos de final. Xa na semifinal venceu 6-5 a Marko Mutak de Croacia e caería na final 10-3 contra Piero Maric, tamén de Croacia.
Pola súa banda, Pablo Patiño (Patiño Moaña, -63) foi prata na categoría júnior. Despois de seis combates caeu ante o subcampión do preolímpico xuvenil Oleksandr Dziuba por un axustadísimo 11 a 10, nun combate que dominio Pablo, pero que se inclinou a favor do ucraíno nun intercambio de golpes nos segundos finais. Antes venceu a Italia (6-11), Irlanda (7-25), o grego Spyrellis (22-1)e o grego Plalis (0-3). E nas semifinais superou ao croata Matej Nikolic por 0-9.
Tamén na categoría júnior, Javier Torrado (Suh Sport, -59 quilogramos) logrou a medalla de prata, despois de gañar catro combates e perder na final contra Antonio Falco (6-21). En primeira rolda superou ao irlandés David Phelan (3-0); posteriormente a Alan Vajnart (Croacia) por 8-0 ; en cuartos eliminou a Ryan Richardson (Gran Bretaña) por 11-9 e na semifinal venceu ao grego Alexios Michalopoulos (20-19).
O última prata galega foi para a cadete do Patiño Cloe Iglesias en -59 quilogramos. Venceu no primeiro combate a Viktoryua Niakrasava (Grecia) por un contundente 0-6. Na semifinal superou á representante de Israel (5-7) e na final caeu ante Frida Sjöberg (Suecia) por 7-4. Medalla de prata para Cloe.
Ivan García (Mat´s) logrou unha traballada medalla de bronce na categoría sénior - 87 quilogramos. Venceu nos cuartos ao esloveno Divkovic por 10-6 e na semifinal cedeu ante o croata Iván Sapina nun axustadísimo combate (8-7). Sapina foi o vencedor deste peso no Open de Polonia.
Ademais das medallas houbo unha importante representación galega no Open de Polonia, con boas actuacións a pesar de non poder subir ao podio.
Na categoría júnior, Sara Gacio (Boud Sport, -59) gañou dous combates e perdeu no terceiro. Superou á Alma Grunning (Suecia) por 5-1; a Matylda Marcinkowska (polonia) por 0-20 e caeu ante unha deportista croata nos cuartos de final.
En sénior -53 feminino, Uxía Ojea (Mace Sport) gañou en primeira rolda á representante de Israel, Sara Ben por 2-0, e perdeu no segundo combate ante Julia Ronken (Alemaña) por 12-19.
En -62 feminino, a sénior Miryam García (Patiño) fixo tres combates e caeu nos cuartos de final ante a competidora de Serbia por 1-5. Antes gañou a unha grega (1-5) e unha lituana (1-7).
En -57 quilogramos, na categoría sénior Arlet Ortiz (Mat´s) fixo dúas roldas, caendo contra Marija Stetic, unha deportista croata máis experimentada . Antes gañou a alemá Isabel Beckstein (9-18). Pola súa banda, o júnior Daniel Corrales (Patiño, + 78) caeu en cuartos ante un altísimo competidor polaco, Haremza. Na rolda anterior, gañou a Ucraína (9-6).
Adrián Pombo (Natural Sport, -80) tamén realizou dous combates: Venceu á República Checa (18-6) e caeu derrotado no segundo contra Bielorrusia (-0-4). Laura Dosil (Natural Sport, -67) venceu a Bielorrusia (3-11) e foi derrotada no segundo combate contra Rebeka Furedi (Hungría), quen logrou a medalla de prata no Open.
A júnior Antía Sánchez (Suh Sport, -59), que debutaba no seu novo peso, pasou a primeira rolda ante Noruega (1-6) e caeu ante Lea Sesar (Austria) por 14-4. Pola súa banda, Desireé Rivadulla (Suh Sport, +68) caeu no pase á loita polas medallas contra a rival de Dinamarca un axustadísimo combate (8-7). Antes venceu á representante de Gran Bretaña (0-4).
A júnior Ana Dosil (Natural Sport, -68) cae na primeira ronda contra Polonia. En sénior -73, Sofía Pérez (Natural Sport) tamén perde na primeira rolda contra Alemaña (3-0).
Na categoría júnior masculina, Sergio Gonzalo (Natural Sport, -63) cae ante a Irlanda a punto de oro e Alejandro Paz (Natural Sport, -55) caeu contra Kazajistán (16-13). O júnior Javier Cancelas (Patiño Moaña, -59) perdeu en primeira rolda contra Alemaña (23-9).
O Kwon tamén estivo representado no Open de Polonia, tanto na categoría júnior coma cadete.
Júnior. Izan Prego (Kwon, -63) venceu ao grego Pierakeas (4-15) e caeu ante o británico Summers nunha apertada loita (21-19). Arón Vázquez (Kwon, -63) gañou dous combate e perdeu no terceiro ante Matej Nikolic (27-14), no pase a loita polas medallas. Antes Arón gañou de forma clara ao polaco Milek (9-29) e ao serbio Stojanovic (14-9). Ademais, Lucas Mahía Vázquez (Kwon, -51) gañou no primeiro combate ao grego Sikovelas (19-17) e perdeu conta o británico Hussain (19-12). Por último, nesta categoría Andrea Cortés (Kwon, -49) e Anahi Elena Schmidt (Kwon, -52) perderon na primeira rolda.
En cadete houbo varios representantes galegos. Irene Montemuiño (Natural Sport, -55) realizou dous combates, vencendo por diferencia de 20 puntos a Grecia e perdendo contra Amy Mink (Holanda), que ao final foi a gañadora do torneo. A galega plantoulle cara (10-8).
Tania Cortés (Kwon, -51 quilogramos) venceu en dous combates e caeu nos cuartos de final contra Vitaliya Lazuta (Bielorrusia) que foi a gañadora do peso de forma abrumadora. Antes, Tania superou no tapiz a Polonia e Dinamarca.
Tomás María Vázquez (Kwon, -33), Laura Penas (Kwon, +59), e Lucía García (Kwon, -47) foron eliminados no primeiro combate.