Miércoles, 07 Noviembre 2018 00:00

Cinco galegos, no Europeo sub 21 de Polonia

Written by
Rate this item
(0 votes)

Galicia contará con cinco representantes (Adrián Pombo, Alma Pérez, Arlet Ortiz, Sara Cortegoso e Tania Castiñeira) no Campionato de Europa sub 21, que se celebrará do 8 ao 11 de novembro en Varsovia (Polonia). Os nosos deportistas viaxaron onte en dirección a Varsovia xunto ao resto da delegación española.

 

As primeiras en competir serán Alma Pérez (Suh Sport) e Arlet Ortiz (Mat’s), ambas no peso -53 quilogramos. Hoxe pola mañá realizaron a pesada e esta tarde coñecerán ás súas primeiras rivais.

 

Ambas son moi novas (Alma ten 16 anos e Arlet, 17), pero  ambas están sorprendendo a todos cos seus resultados. Este será o primeiro Europeo para Alma, que vai sen medo pero sen presión: “Atópome nun bo momento de forma e veño sen ningún tipo de presión polos resultados. É o meu primeiro Europeo coa selección nacional e o nivel é moi alto así que só vou coa ilusión de poder facer un bo papel”.

 

Pola súa banda, Arlet xa conta con bastante experiencia a pesar da súa idade: “Neste Europeo quero realizar cousas novas que estiven practicando estes últimos meses, porque cara ao absoluto creo que teño que ter máis recursos. Penso que estou ben, rápida e forte, pero non só depende de min. Neste Europeo hai moitísimo nivel e non dunha ou dúas competidoras. Todas son moi boas e poden gañar”, indicou.

 

Sara Cortegoso (-49, Mace Sport) sairá ao tapiz o venres e con boas sensacións, a pesar de que non coñece as rivais do seu peso: “Síntome ben polo que as miñas expectativas neste campionato son as de facer un bo papel, sacar o mellor de min e, se é posible, conseguir medalla”, manifestou a pontevedresa.

 

Tamén o venres será o momento para Adrián Pombo (-80 quilogramos, Natural Sport Riveira), que se amosa confiando: “O meu obxectivo para o Europeo é traerme o ouro a casa. Penso que estou nuns dos meus mellores momentos deportivos e penso que será  unha boa oportunidade para demostralo e dar o salto que me levo esixindo desde xa hai un tempo. Os meus principais rivais son algúns rusos medallistas europeos en  júnior e un turco (medalla no Europeo  sub 21)”. Sabe que non será sinxelo pero “se te enfrontas aos mellores e gañas, a gratificacion do traballo será moito máis reconfortante”. O pasado ano, Pombo quedou a só un paso das medallas no Europeo júnior.

 

Tania Castiñeira (+73, Hebe) será a última en competir, o domingo. A galega enfronta a cita con optimismo e ambición: “As miñas sensacións para este campionato son moi boas. Hai rivais coñecidas,  coas que xa competín e imos enfrontar o campionato da mellor maneira posible para conseguir esa medalla”. Tania foi quinta o pasado ano no Europeo júnior.

Read 542 times
Comunicación Fegatae

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.