Sábado, 17 Noviembre 2018 00:00

BRONCE MUNDIAL PARA A PARELLA 2 DE SAMUEL MEILÁN E NEREA ALAMANCOS

Written by
Rate this item
(0 votes)

Chegou a medalla para o taekwondo galego no Mundial de Técnica e Freestyle de China-Taipei. Os protagonistas foron Samuel Meilán e Nerea Alamancos, que acadaron o bronce en parella 2. O restos dos participantes galegos da xornada de hoxe non acadaron o pase ás súas respectivas finais, a pesar de facer un bo traballo. Quedaron fóra das finais o trío júnior do Hebe (Álvaro Portela, Gabriele Santomé e Manuel Paz), a parella do Yidam-CEIP Balaídos de freestyle (Eirim Vaamonde e Aitor Priego) e Marcos Silva (Mace Sport) en freestyle individual.

 Bronce. Hai 11 anos estes mesmos protagonistas acadaron tamén un bronce nun Mundial, entón en parella 1. Agora repiten posición en parella 2 -cousas da idade- e facendo un papel excepcional.

 

En total era 20 os equipos participantes, polo que a organización dividiunos en dous grupos. A nosa parella estaba na eliminatoria máis complicada, con Korea e China-Taipei entre os integrantes, pero a pesar diso, fixeron unha actuación magnífica e acadaron o pase á final como cuartos clasificados.

 

Xa na final, en cuartos enfrontáronse a Gran Bretaña e a parella galega foi superior, para desta forma garantir a medalla de bronce.  Espectacular actuación, pero os vigueses querían máis e así foron en busca desa ansiada final. O rival na semifinal era Korea e nesta oportunidade, Samu e Nerea non puideron superalos, polo que finalmente acadaron unha máis que merecida  medalla de bronce.

 

Cambio de regulamento. A parella do Yidam formada por Eirim Vaamonde e Aitor Priego sabía que ía ser última antes de saír ao tapiz. Neste Mundial estableceuse unha regra pola que os participantes de quintetos e parellas non poden facer ningún tipo de apoio (penalizaría 0,3 da nota final) e a delegación española non tivo coñecemento desta regra ata hai dous días.

 

Algúns dos equipos decidiron cambiar as súas composicións de estilo libre pero na coreografía de Aitor e Eirim había moitas interaccións, polo que de suprimilas, non tería sentido o exercizo. Desta forma, a parella do Yidam xunto cos seus adestradores decidiron facer a mesma coreografía para amosar ao público o traballo que estiveron preparando durante meses, a pesar de que sabían que serían penalizados.

 

O trío júnior -formado por Álvaro Portela, Gabriele Santomé e Manuel Paz (Hebe)- tampouco puideron clasificarse para a final. Tiñan un grupo moi complicado, xa que estaban case todos os asiáticos e grandes potencias. Aínda así foron o segundo país europeo en nota, pero non foi suficiente para pasar rolda.

 

A participación galega desta xornada completouse con Marcos Silva (Mace Sport) en free individual +18. O pontevedrés fixo unha moi boa serie, pero o nivel era altísimo e non puido clasificarse para a final.

 

O Mundial rematará mañá coa participación de Samuel Meilán (Tao) en sénior 2; Gabriel Tembrás (Moodukwan) en parella júnior; Alejandro Fernández (Escola Lucense) en cadete individual; Celia García (Tao) en freestyle individual -17; Manu Paz xunto a Bárbara Di-Martino.en parella freestyle -17 e o quinteto formado por Samuel Alves, Alejandro Losada, Manuel Rodríguez, Alicia Pérez e Laura Vázquez (Tao).

Read 475 times
Comunicación Fegatae

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.