Esta fin de semana (24 e 25 de novembro) celébrase o Torneo Vila de Moaña (RG3, por vez primeira), no que participarán máis de mil taekwondistas pertencentes a 47 clubs, ademais de 75 árbitros e 145 técnicos. En total, o Open acollerá a 1.309 persoas, sen contar toda a xente de organización.
O evento disputarase os días 24 e 25 de novembro no pavillón de Reibón, onde se instalarán 7 tapices para acoller a competición. A xornada do sábado estará adicada á modalidade de combate con 448 participantes pertencentes a 41 clubs, 39 árbitros e 55 técnicos. De 9 a 13:30 horas competirán os participantes das categorías precadete, infantil, absoluto e máster, mentres que os cadetes e júnior farano a partir das 14:40 horas (ata ás 21:30). O domingo (a partir das 09:00 horas) será a quenda para os participantes de técnica infantil e adulto, freestyle e exhibición. Na modalidade de técnica participan 220 deportistas de 19 clubs, 39 árbitros e 55 adestradores; mentres que en freestyle haberá 61 taekwondistas (7 clubs) e en exhibición, 90 participantes pertencentes a 5 clubs.
Este torneo é organizado polo club Hebe, en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e o Concello de Moaña. O torneo, que estrea a categoría RG3 (a máxima), está incluído no circuíto de torneos ranqueables organizado pola Federación Galega de Taekwondo.
O ranking galego é un sistema de baremación obxectivo baseado na suma de puntos naqueles torneos que forman parte do circuíto. Deste xeito, ao final do cómputo, o deportista que máis puntos obteña no seu peso será o que compita no Campionato de España.
O custe da entrada no Vila de Moaña é de 3 euros por media xornada e de 5 polo día enteiro.