
Comunicación Fegatae
Eirim Vaamonde, sétima no Mundial de Freestyle de China-Taipei
Eirim Vaamonde (Yidam CEIP Balaídos) rematou na sétima posición na proba de freestyle individual feminina + 18 do Mundial de Técnica e Freestyle, que se está a disputar en China-Taipei (15 ao 18 de novembro). Nesta primeira xornada de competición este foi o mellor resultado dos participantes galegos. Tamén participaron Elena Varela e Alejandro Losada Rodríguez (Neka) en parella 1 e Gabriel Tembrás (Moodukwan) en júnior, pero non acadaron o pase á final.
Eirim Vaamonde fixo unha magnífica competición e iso que todo se lle puxo en contra antes de comezar o seu exercizo. Na semifinal, cando xa estaba sobre o tapiz, equivocaron a música e en vez de poñerse a que correspondía á proba individual, tiñan a de parella. Así que Eirim tivo que saír correndo a buscar a música nun pen e entregarlla á organización e despois de todo iso, competir. Pero en vez de descentrarse, a viguesa creceuse e fixo unha das súas mellores actuacións, arrancando grandes ovacións do experto público. Así, logrou entrar na final na quinta posición, moi preto das medallas.
Pero na final, a serie non foi tan exquisita como a primeira. Cometeu un par de erros e ante rivais desta calidade non se pode fallar, polo que baixou á sétima posición. Moi bo traballo.
Na modalidade de técnica, hoxe tamén participaron Alejandro Losada e Elena Varela (Neka) en parella 1. Quedaron no posto 12º do seu grupo de 15, polo que non puideron meterse na final. Ambos son moi novos (19 anos) e este era o seu primeiro Mundial, polo que hai que valorar que mantiveron a calma e competiron a un bo nivel. Era unha categoría moi complicada, na que venceu Korea e con Tailandia na segunda posición.
Por último, sinalar que Gabriel Tembrás (Moodukwan) participou en júnior individual na modalidade de técnica, pero non puido clasificarse para a final por moi pouco. Quedou décimo na súa serie e pasaban 8 á final, pero gran traballo do galego.
Este Mundial, con récord de participación, é sen dúbida unha cita moi dura. Celébrase en China-Taipei, polo que hai unha enorme afluencia de competidores asiáticos, os grandes dominadores destas modalidades. Proba diso é o feito de que Korea gañou as catro categorías de técnica nas que participou e en freestyle quedou segundo.
Mañá celebrarase a segunda xornada do campionato e teremos en acción a varios galegos: Os cadetes Alejandro Fernández (Escola Lucense) e Tomás Fernández (Kiap), en trío cadete; Noelia Pérez, Vanesa Ortega e Sonia Pérez (Hebe), en trío 2; Nerea Alamancos (Tao), en sénior 2 individual e Manuel Paz (Hebe), en freestyle -17 individual.
CTO. ESPAÑA DE EXHIBICIÓN POR CLUBS -PONTEVEDRA- 04/11/2018
23 taekwondistas galegos, no Mundial de Técnica e Freestyle de China Taipei
Galicia contará cunha nutrida e destacada participación no Mundial de Técnica e Freestyle que se desenvolverá en China-Taipei do 15 ao 18 de novembro. A expedición galega xa está en Taiwán, despois de máis de 24 horas de viaxe.
Esta cita mundialista será moi complicada, ao celebrarse en China-Tapiei, o que permitirá unha maior afluencia de deportistas orientais, que son os grandes especialistas nesta modalidade. Ademais, será un Mundial de récords: 1.274 deportistas, 248 técnicos e 59 países rexistrados. Pero nada pode coa ilusión dos nosos taekwondistas viaxan coa intención de facer un gran papel, despois de moitos meses de preparación. A última cita tivérona hai un par de semanas no Open de Madrid, onde amosaron un bo nivel.
O Tao de Vigo é o club galego con máis representación con oito deportistas. Samuel Meilán e Nerea Alamancos competirán en sénior 2 individual (cada un de eles) e xuntos en parella 2. Ambos xa conseguiron grandísimos resultados internacionais (medallas tanto en Europeo como Mundial). Ademais, o Tao leva a Celia García, que participará en freestyle -17 individual e o quinteto formado por Samuel Alves, Alejandro Losada, Manuel Rodríguez, Alicia Pérez e Laura Vázquez.
O Hebe de Moaña tamén despraza a un gran número de taekwondistas, sete en total. Contaremos co trío 2 feminino formado por Noelia Pérez, Vanesa Ortega e Sonia Pérez, e o trío júnior con Manuel Paz, Gabriele Santomé e Álvaro Portela. Ademais Manuel Paz tamén participará en freestyle individual e en parella freestyle -17 xunto a Bárbara Di-Martino.
O Neka e o Yidam CEIP-Balaídos contan con dous representantes cada un. Elena Varela e Alejandro Losada Rodríguez (Neka) están clasificados para parella 1, mentres que os deportistas do Yidam competirán en freestyle. Eirim Vaamonde (Yidam) participará en freestyle individual +18 e tamén en parella +18 xunto a Aitor Priego.
Gabriel Tembrás (Moodukwan) competirá en técnica en júnior individual e en parella, mentres que Marcos Silva (do Mace Sport) farao en freestyle individual +18.
Os máis pequenos da convocatoria galega son os cadetes Alejandro Fernández (Escola Lucense) e Tomás Fernández (Kiap). Alejandro terá dobre actuación, en individual en trío cadete, onde tamén compite Tomás Fernández.
Tania Castiñeira, subcampioa de Europa sub 21 en Polonia
Tania Castiñeira (Hebe, +73 quilogramos) proclamouse hoxe subcampioa de Europa sub 21 en Varsovia (Polonia), sumando así a segunda medalla (ambas femininas) para Galicia neste campionato. A galega fixo unha competición espectacular, dominando e controlando todos os combates menos na final, onde non estivo cómoda.
Tania, a pesar da súa idade, xa chegaba con bastante experiencia internacional ás súas costas (foi 5ª no Europeo júnior 2017 e ouro, na Copa Presidente de Atenas 2018, por exemplo) e con gañas de acadar unha medalla. A nosa deportista comezaba o Europeo fronte á rusa Ella Borisova, que era unha das favoritas para facerse co título. Pero enfronte estaba Tania que non lle deu opción algunha. Dominou o combate dende o inicio e gañou por 3-5.
En cuartos de final esperaba a alemá Sara Di Sinno, e novamente Castiñeira estivo imparable. Foi tremendamente superior e venceu 20-10. A medalla xa estaba asegurada, pero a deportista do Hebe ía paso a paso. E agora tocaba a semifinal contra Natalie Lauridsen (Dinamarca). Novamente Tania levou todo o peso do combate e sempre foi por diante no marcador, para rematar cun 6-4, que a mete na gran final contra a francesa Solène Avoulette.
Neste último combate, Castiñeira non estivo cómoda, tal e como explicou, xa que era unha rival moi alta e non atopaba a forma de entrar: “Custábame moito achegarme para puntuar e tíñame moi ben pillada a garda”. Pese a todo estivo metida na final ata o último asalto: “Fumos 1-0 ata o último asalto, que me meteu un bandal. E nos últimos segundos, ao tentar facer eu unha acción con xiro ao casco para remontar, logrou impactar arriba”. Ao final, 6-0, e magnífica medalla de prata para Tania Castiñeira.
O venres foi Sara Cortegoso (Mace Sport) quen nos deu a primeira alegría para o taekwondo galego no Europeo sub 21. A pontevedresa, que fixo un torneo excepcional, acadou a medalla de bronce en -49 quilogramos e estivo moi preto de meterse na gran final.
SARA CORTEGOSO, BRONCE NO EUROPEO SUB 21 DE POLONIA
Sara Cortegoso (Mace Sport) logrou hoxe a primeira medalla para o taekwondo galego no Europeo sub 21. A pontevedresa, que fixo un torneo excepcional, acadou a medalla de bronce en -49 quilogramos e estivo a piques de meterse na gran final.
Sara Cortegoso (-49, Mace Sport) comezaba a competición contra Hilal Kaya (Turquía), unha complicada rival, pero a pontevedresa non lle deu a máis mínima opción, dominando o combate dende o inicio para así lograr a vitoria cun contundente 12-0.
En segunda rolda esperaba a chipriota Athina Evangelou e tocou sufrir un pouco. E iso que de inicio a galega logrou escaparse no marcador de forma moi clara, pero despois a nosa deportistas cometeu un par de erros que permitiu a Avengelou achegarse no marcador, ata rematar nun apertado (9-10).
Desta forma chegou aos cuartos de final, o pase decisivo para as medallas, onde a rival era Dominika Hronova (República Checa). E Sara volveu a lucir. No comezo estivo bastante axustado, pero logrou facer unha pequena brecha no marcador e así levou o combate moi controlado ata o final. A pesar de que as distancias non eran moi longas, a vitoria non corría perigo algún.
A medalla de bronce xa estaba asegurada, pero Sara quería máis e enfrontou a semifinal coa rusa Alena Mironyuk coa máxima ilusión. Sara foi por diante no marcador durante case todo o combate, pero equivocouse nos xiros, algo que aproveitou a rusa para darlle a volta e conseguir a vitoria. Moi grande Sara!
Adrián Pombo (-80 quilogramos, Natural Sport Riveira) foi o primeiro en saír ao tapiz. Tiña enfronte a un rival moi duro, o ruso Stanislav Melnik, medallista mundial cadete, campión de Europa cadete (2015) e medalla de ouro este ano na Copa Presidente de Atenas e no Open de Polonia. E todo saíu mal para o galego dende o inicio. No primeiro asalto, o ruso logrou unha dobre acción, con patada a cara, que lle permitiu escaparse de forma clara no marcador e xa Pombo non tivo opcións de achegarse. Ao final, 23-7.
Tania Castiñeira (+73, Hebe) será a última galega en competir no Europeo sub 21 de Polonia. Teremos que esperar ao domingo para ver á nosa representante.
CTO. GALEGO EXHIBICIÓN ADULTOS -VILAGARCÍA- 28/10/18
Primeira xornada do Europeo sub 21 de Polonia
Pasou a primeira xornada do Europeo sub 21 de Polonia sen medallas para as representantes galegas. As primeiras en competir foron Alma Pérez e Arlet Ortiz, ambas en -53 quilogramos. Arlet gañou dous combates e perdeu no terceiro contra Inese Tarvida, que ao final logrou o título europeo. Pola súa banda, Alma caeu no primeiro combate ante a eslovaca Briskarova.
Arlet Ortiz (Mat’s) foi a primeira en competir no peso de -53 quilogramos, no que participaban 38 taekwondistas, e cun altísimo nivel. En primeira rolda tivo como rival á portuguesa Patricia Frois e Arlet foi moi superior, para gañar por un contundente 11-5: “Sentinme moi cómoda e probei outras cousas que me serviron para os demais combates”, explicou. A continuación esperaba a grega Paraskevi Paitaridou e foi un combate moito máis pechado e duro. Comezou puntuando a galega (2-0) e foi arriba ata o final, no que recibiu unha amonestación e pechou a vitoria cun 2-1 final.
No terceiro combate enfrontouse á lituana Inese Tarvida, unha das favoritas xa que é bronce mundial absoluto. O combate estivo bastante axustado ata o segundo asalto, pero no terceiro, a galega tivo que arriscar para recortar distancias, e isto foi aproveitado por Tarvida para ampliar o marcador. Ortiz está satisfeita, “sentinme moi ben en todos os combates e estou contenta”.
Alma Pérez (Suh Sport) enfrontouse en primeira rolda con Gabriela Briskarova (Eslovaquia), unha rival dura e cun gran currículo. A galega chegou a estar empatada no último asalto, pero aí Briskarova amosou a súa experiencia: Escapóuseme nos últimos 30 segundos, nos que me puntuou varias veces”. O resultado final foi de 7-11. Pese a todo, Alma valora o feito de disputar un Europeo: “Aínda que non puiden achegarme ás medallas, quédome coa experiencia de pelexar nun campionato desta magnitude”.
Cinco galegos, no Europeo sub 21 de Polonia
Galicia contará con cinco representantes (Adrián Pombo, Alma Pérez, Arlet Ortiz, Sara Cortegoso e Tania Castiñeira) no Campionato de Europa sub 21, que se celebrará do 8 ao 11 de novembro en Varsovia (Polonia). Os nosos deportistas viaxaron onte en dirección a Varsovia xunto ao resto da delegación española.
As primeiras en competir serán Alma Pérez (Suh Sport) e Arlet Ortiz (Mat’s), ambas no peso -53 quilogramos. Hoxe pola mañá realizaron a pesada e esta tarde coñecerán ás súas primeiras rivais.
Ambas son moi novas (Alma ten 16 anos e Arlet, 17), pero ambas están sorprendendo a todos cos seus resultados. Este será o primeiro Europeo para Alma, que vai sen medo pero sen presión: “Atópome nun bo momento de forma e veño sen ningún tipo de presión polos resultados. É o meu primeiro Europeo coa selección nacional e o nivel é moi alto así que só vou coa ilusión de poder facer un bo papel”.
Pola súa banda, Arlet xa conta con bastante experiencia a pesar da súa idade: “Neste Europeo quero realizar cousas novas que estiven practicando estes últimos meses, porque cara ao absoluto creo que teño que ter máis recursos. Penso que estou ben, rápida e forte, pero non só depende de min. Neste Europeo hai moitísimo nivel e non dunha ou dúas competidoras. Todas son moi boas e poden gañar”, indicou.
Sara Cortegoso (-49, Mace Sport) sairá ao tapiz o venres e con boas sensacións, a pesar de que non coñece as rivais do seu peso: “Síntome ben polo que as miñas expectativas neste campionato son as de facer un bo papel, sacar o mellor de min e, se é posible, conseguir medalla”, manifestou a pontevedresa.
Tamén o venres será o momento para Adrián Pombo (-80 quilogramos, Natural Sport Riveira), que se amosa confiando: “O meu obxectivo para o Europeo é traerme o ouro a casa. Penso que estou nuns dos meus mellores momentos deportivos e penso que será unha boa oportunidade para demostralo e dar o salto que me levo esixindo desde xa hai un tempo. Os meus principais rivais son algúns rusos medallistas europeos en júnior e un turco (medalla no Europeo sub 21)”. Sabe que non será sinxelo pero “se te enfrontas aos mellores e gañas, a gratificacion do traballo será moito máis reconfortante”. O pasado ano, Pombo quedou a só un paso das medallas no Europeo júnior.
Tania Castiñeira (+73, Hebe) será a última en competir, o domingo. A galega enfronta a cita con optimismo e ambición: “As miñas sensacións para este campionato son moi boas. Hai rivais coñecidas, coas que xa competín e imos enfrontar o campionato da mellor maneira posible para conseguir esa medalla”. Tania foi quinta o pasado ano no Europeo júnior.
COPA DEPUTACIÓN PONTEVEDRA -TÉCNICA- 28/10/2018
Tao adulto e Yidam cadete, campións de España de exhibición
Na categoría cadete houbo cambio de posicións, ao lograr o Yidam, cunha execución espectacular, o título por diante do Tao, que foi segundo. A exhibición do Yidam chámase “Los guardianes de Almas” e representa a uns gardiáns que teñen que impedir que unha almas divertidas se desmadren. Durante todo o proceso da coreografía os gardiáns tratan de controlar ás almas ata que ao final conségueno.
A prata foi para o Tao, nun exercizo que representaba o traballo en equipo, mentres que os bronces foron para o Mace Sport e o Natural Sport Sada.
Desta forma viviuse en Pontevedra unha nova xornada de éxito para o taekwondo galego, cun dominio absoluto dos nosos clubs e a posibilidade de gozar deste marabilloso espectáculo na casa.
Noraboa para todos e todas!!!! E a seguir traballando!!