Comunicación Fegatae

Comunicación Fegatae

Hoxe 22 de decembro celebrouse en Noia o Campionato Galego Absoluto de Combate, coa participación de preto de cen deportistas e 25 clubs de toda Galicia. Na clasificación de clubs logrou o título de campión galego o Natural Sport Riveira tanto na categoría masculina, como feminina e na xeral.

No documento adxunto tedes as clasificacións.

Case cen deportistas están inscritos no Campionato Galego Absoluto de Combate que se celebrará o sábado 22 de decembro en Noia (Pavillón Municipal Agustín Mourís). Este torneo é clasificatorio, xunto ao Circuíto Galego, para o Campionato de España.

 COMEZO DA COMPETICIÓN ÁS 09.00H.

En total no Campionato Galego Absoluto competirán 25 clubs galegos, 96 deportistas (45 mulleres e 51 homes), 25 árbitros e uns  50 adestradores. A actividade comezará ás 09:00 horas e finalizará a última hora da mañá (a entrega de medallas está prevista a partir das 12:00 horas).

 

Entre os inscritos e inscritas hai xente moi nova e cunha gran traxectoria por diante e tamén taekwondistas veteráns cun gran curriculum, o que garantiza gran espectáculo deportivo. Así podemos destacar a nomes coma Katya Calvar, Lúa Piñeiro, Laura Lorenzo, José Fernández, Fernando Rascado ou Pablo Fernández Eiras, entre outros, fronte a mozos moi novos xa con experiencia internacional, coma Arlet Ortiz, Javier González, Adrián Pombo, Tania Castiñeira, Sara Cortegoso ou Alma Pérez.

 

O pavillón municipal das Travesas en Vigo acollerá o domingo 16 de decembro a Copa Xunta de Galicia de técnica, na que participarán 638 deportistas e 33 árbitros. Ademais neste campionato realizarase unha homenaxe ás e aos taekwondistas  galegos, que participaron no Mundial de Taipei en novembro.

 

 A Copa Xunta de Galicia é un torneo de técnica (infantil e adultos) que ten como obxectivo prioritario a promoción deste deporte, aínda que dende hai tres anos inclúe a categoría competitiva, que outorgará puntos para o ránking galego de técnica.

 

 Neste torneo participan aqueles deportistas que acadaron a clasificación nas fases provinciais que se celebraron os días 27 e 28 de outubro, coa participación de 1.000 rapaces e rapazas. Hai que recordar que 1/3 dos participantes da categoría amateur acadaron a participación para a Copa Xunta, mentres que na competitiva os clasificados foron a metade dos participantes.

 

 Na categoría non competitiva hai inscritos 457 deportistas. Ademais, na modalidade competitiva -na que estarán en xogo puntos para o ránking galego de técnica- hai inscritos 181 taekwondistas. As competición celebrarase en horario de mañá e tarde (de 10 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas).

 

Entrada de balde

Esta fin de semana tamén se celebrou en Oropesa do Mar o Campionato de España de Clubs de Técnica e Freestyle e, novamente, con espectaculares resultados para o taekwondo galego.

Houbo unha choiva de medallas galegas nas diferentes categorías (ver os resultados no enlace) e grazas a iso tamén houbo premios na clasificación por equipos.

Así, na clasificación de clubs do Campionato de España de Adultos de Técnica e Freestyle proclamouse vencedor o Yidam CEIP Balaídos, con treinta puntos.

Na clasificación de clubs do Campionato de España Infantil de Técnica e Freestyle o vencedor foi o Han's Horang-I (con 38 puntos) e co Natural Sport Sada na segunda posición (20 puntos).

No enlace tedes todos os resultados.

Resultados

A pasada fin de semana celebrouse en Oropesa de Mar (Castellón) o Campionato de Europa de Clubs nas categorías infantil e adulta. Os clubs galegos acadaron magníficos resultados neste torneo, con multitude de medallas nas diferentes categorías, amosando, unha vez máis, o seu alto nivel competitivo e a súa posición tanto a nivel nacional como internacional nestas modalidades. Ademais, na clasificación do Campionato de Europa de clubs, tamén houbo premio para os clubs galegos. Na categoría kids, o Han's Horang-I logrou subir ao máis alto do podio, mentres que o Natural Sport Sada foi bronce. Na categoría de adultos, bronce para o Yidam CEIP-Balaídos.

Podedes ver os resultados no seguinte enlace:

Resultados

 Onte rematou o Campionato de Europa de clubs, na modalidade de combate coa disputa da categoría sénior. E novamente as e os nosos deportistas acadaron magníficos resultados.  En total foron once medallas: dous ouros, catro pratas e cinco bronces.

 Os ouros foron para Arlet Ortiz e Iván García (ambos do Mat’s) o que permitiu ao club de Marín lograr a terceira posición na clasificación xeral por equipos sénior (masculino e feminino) empatados co segundo club a puntos. Ademais hai catro pratas (Tania Castiñeira, Sofía Pérez, Lúa Piñeiro  e Manuel Parada) e cinco bronces (José Fernández, Fernando Rascado, Junior Luciano Martínez, Alberto Verea e Miryam García).

 Arlet Ortiz (-57, Mat’s) logrou subirse ao chanzo máis alto do podio despois de gañar tres combates e amosar unha grande superioridade en todos eles. En semifinal gañou a Andrea Bosch (do CAR de Barcelona) e na final a Rosa Rodríguez, tamén con moita autoridade.

 Pola súa banda, Iván García (-87, Mat’s) acadou a medalla de ouro no Europeo de Clubs, tras gañar dúas eliminatorias e superar na final ao madrileño Víctor García nun axustado e espectacular combate (26-24).

 Magnífico resultado o de Manu Parada (-68, Natural Sport Riveira) que logrou a medalla de prata no Europeo de Clubs. O galego superou tres roldas para chegar á final, onde tiñña como rival a José Antonio Rosillo (medallista mundial). Foi unha final moi competida que finalmente se inclinou a favor de Rosillo. Medalla de prata para Parada!

 A segunda medalla de prata galega foi a de Tania Castiñeira (+73, Hebe), que superou na semifinal de forma moi clara a Zuriñe Padilla (22-4). A final foi contra a súa compañeira de adestramentos no CAR de Barcelona, Belén Morán. Foi un combate moi igualado, que non mudou o 0-0 inicial ata o último asalto. Comezou puntuando Tania, pero a falta de poucos segundos para o final, Belén empatou o combate. E no último segundo, Tania caeu ao tapiz, polo que foi amonestada e perdeu así pola mínima. Gran actuación e prata para Castiñeira!

 Sofía Pérez (-73, Natural Sport Riveira) tamén logrou a segunda posición neste Europeo de Clubs. A deportista do Natural gañou en dous combates para chegar á final. Aí esperaba a madrileña Cecilia Castro (medallista europea) e Sofía plantou cara, aínda que ao final caeu por 9-6.

 Lúa Piñeiro (-67, Natural) volveu á competición cunha magnífica actuación na que acadou a medalla de prata.  Venceu en dous combates e perdeu a final contra Jone Magdaleno (7-3).

 E por último, destacar os bronces de Fernando Rascado (+87, Natural Sport Riveira), Alberto Verea (-54, Maniotas), Junior Luciano Martínez (+87, Maniotas), José Fernández Rey (-74, Natural Sport Riveira) e Miryam García (-62, Patiño Moaña). José Fernández non puido competir na semifinal por unha lesión muscular. Esperamos que sexa leve, José!

 

Ademais, non so temos premios entre os deportistas. Hai que destacar que María Bautista foi elixida mellor árbitro do Campionato de Europa Cadete e de clubs.

Noraboa a tod@s!!!

 

Continúa a maratón de Campionatos de Europa de Clubs en Oropesa de Mar e onte celebrouse o da categoría júnior. Ademais de numerosas medallas para as e os nosos deportistas hai que destacar que tamén houbo medallas para os nosos clubs. O Natural Sport de Riveira (con dous ouros e un bronce) logrou a primeira posición na categoría masculina (campión de Europa de clubs júnior masculino), mentres que o Suh Sport (con dous ouros) foi prata na feminina (subcampión).

 A nivel individual houbo moitas medallas para as e os nosos deportistas, catorce en total. En -78 quilogramos tivemos final galega con Brais Iglesias (Natural Sport Riveira) e Alejandro Costado (Suh Sport). Logrou o ouro Brais ao superar a Alex (prata) por 12-4.

Tamén subiu ao máis alto do podio Alejandro Paz (-59, Natural Sport Riveira) tras vencer en catro combates e con bastante superioridade. O mesmo caso de Alma Pérez (-52, Suh Sport), que segue amosando un nivel altísimo. Neste Europeo de Clubs venceu en catro combates para lograr o ouro e na final proclamouse vencedora no segundo asalto por KO de puntos.

No peso pesado feminino tamén houbo dobrete galego e do Suh Sport. Desireé Rivadulla logrou o ouro tras eliminar nas semifinais á súa compañeira de club, Aitana López, que logrou o bronce. Na final, Desireé superou de forma clara a Lidia Fuertes (12-0).

O último dobrete galego estivo en -68 quilogramos masculinos, con Pablo Patiño (Patiño Moaña) e Sergio Iglesias (As Sport). Sergio superou dúas eliminatorias con bastante holgura e enfrontouse a Patiño na semifinal. O combate estivo igualado  no primeiro asalto, pero no segundo Pablo logrou adiantarse e xa foi imparable. Na final, Patiño perdeu contra o italiano Zamati por 8-11.

Ademais hay varios bronces máis galegos, que foron para: Diego Martínez (-59, Natural Sport Riveira), Giovanni Imparato (-51, Mace Sport), Fernando Davila (-45, Kae Sport), Dani Corrales (+78, Patiño), Sara Gacio (-55, BoudSport) e Elena Pérez (-46, Natural Sport Riveira).

Continúa a choiva de medallas galegas en Oropesa do Mar (Castellón). Onte celebrouse o Campionato de Europa de Clubs na categoría cadete e as e os deportistas galegos sumaron un total de tres ouros, catro pratas e seis bronces.

En -59 quilogramos feminino tivemos dobrete galego no podio, con Ainoha García (Couto) como campioa de Europa de clubs e Cloe Iglesias (Patiño), bronce.  Ambas cruzáronse en semifinais , no que foi unha final anticipada dada a enorme calidade de ambas e o axustado do resultado. Finalmente, Ainoha logrou a vitoria no punto de ouro. Despois Ainoha, que cambiou de peso con respecto ao Europeo de Seleccións Nacionais da semana pasada onde competiu en -55, venceu na final a Elena Cantarero por 7-4.

Tamén tivemos a dous galegos no podio en -57 quilogramos masculino con Martín Conde (Couto) e Iker García (Natural Sport Riveira) como protagonistas. Martín Conde gañou tres combates para plantarse na final contra Iker, que tamén venceu a tres contrincantes. A final galega foi para Martín nun fermoso choque que finalizou con 17-14. Ouro para Conde e prata para García.

Sergio Troitiño (Mat’s) proclamouse campión de Europa cadete de clubs en -65 quilogramos, despois de superar dos combates para chegar á final e vencer a David Rodríguez (Benavente) por 8-11.

En -59 feminino outra vez tivemos a dúas galegas no podio: Nuria Cernadas (Natural Sport Videlgi) foi prata, mentres que Laura Penas (Kwon Betanzos) foi bronce. Ambas enfrentáronse en semifinais e resultou vencedora Nuria.

Ademais houbo dúas pratas para Diego Álvarez (-53 quilogramos, Natural de Sada) e Anxo Vidal (-33, Natural Sport Riveira). Diego superou catro combates para plantarse na final onde perdeu contra Francisco López nun emocionante enfrontamento (19-18). Pola súa banda, Anxo Vidal gañou tres choques para caer na final contra un ucraíno.

Finalmente destacar os bronces de Diego Rodríguez (-49, Mace Sport), Adrián Abeijón (-45, Natural Sport Riveira), Antía Sánchez (-55, Mace Sport) e Irene Montemuíño (-55, Natural Sport Riveira).

Noraboa a tod@s e seguimos traballando!!

Seguen chegando boas novas para o taekwondo galego do macro-evento que se está a celebrar en Oropesa del Mar (Castellón), coa disputa de varios campionato de Europa e de España.  Estes días (3 e 4 de decembro) celebráronse os Campionatos de Europa e de España Kids, e houbo moitas medallas para as e os nosos representantes, e en moitas ocasións por partida doble.

Así, Nadia Bouzas (-30 quilogramos, Kae Sport) logrou dúas medallas: Subcampioa de Europa e campioa de España. Nadia fixo unha competición excepcional, disputando un total de oito combates e só perdeu a final europea contra Italia. Espectacular Nadia, que leva no peto para casa unha prata europea e un ouro no Campionato de España.

Outra das destacadas foi Noa Romero (-33, Natural Sport Riveira) que logrou o bronce europeo e o título no Campionato de España Subcampeona de Europa. No Europeo, Noa venceu en dous combates con bastante superioridade e caeu na semifinal contra a ucraína Zamoroka, que logrou o título europeo. Despois, no Campionato Nacional acadou o título despois de vencer en catro combates.

Roi Fraga (-33, Mace Sport) tamén fixo dobrete, co bronce europeo e a prata no Campionato de España. Na competición continental caeu na semifinal contra o representante ruso (ouro neste torneo) a pesar de facer un gran traballo. No Campionato  de España logrou tres triunfos e so perdeu na final contra Bonilla.

Pablo Antelo (-40, Kae Sport) acadou o bronce no Campionato de Europa e tamén no de España.  No Europeo perdeu na semifinal contra Italia, e no campionato de España tamén foi bronce.

 Ademais hai que destacar as medallas no Campionato de España dos seguintes deportistas:

-Noe Fajardo (-33, Natural Sport Riveira) acadou a medalla de prata tras vencer en catro combates e perder na final contra Guardiola (20-7).

-No mesmo peso, Víctor Videla (-33, Natural Sport Riveira) logrou o bronce, tras vencer en dous roldas e caer en semis contra Guardiola.

-Adrián Davila (-30, Kae Sport) gaña dous combates e perdeu na semifinal contra Carlos Rodríguez. Bronce.

-Ada Hermelo (-27, Hebe) logrou a medalla de bronce na categoría A (nenas nadas nos anos 2007 e 2008).

-Uxía Gaiteiro (-27, Kae Sport) logrou a medalla de prata na categoría B (nenas nadas nos anos  2009 e 2010). Para plantarse na final Uxía gañou dous combates.

As e os taekwondistas galegos acadaron un total de tres ouros, tres pratas e un bronce no Campionato de Europa Máster, que se celebrou estes días en Oropesa del Mar (Castellón). Jacobo Ríos (Hebe), Salvador González (Mace Sport) e Nazaret Tilve (As Sport) lograron os ouros; as pratas foron para Erea Andrade (As Sport), Cristóbal Boudjenane (Boud-Sport) e Jesús Couso (Hebe) e o bronce para Óscar Franco (Patiño Moaña).

 Jacobo Ríos competiu na categoría máster A (de 35 a 39 anos) de -68 quilogramos. En semifinais enfrontouse ao francés Aomar Mami, un vello coñecido para Jacobo, xa que competiran no pasado Europeo de Luxemburgo en 2017. O combate foi tenso, xa que o francés traballaba moito ao choque, pero o enfrontamento resolveuse a favor do galego 12-11.

 Na final, o taekwondista do Hebe encontrouse co representante español Teodoro Prieto. Dende o iniciou do combate Jacobo estivo por diante no marcador, amosando unha grande superioridade, a pesar dos intentos de Prieto por frenalo. Resultado final, 11-3. Jacobo xa fora campión de Europa en 2015 (Niza) e subcampión en 2017.

 Salvador González (-68 quilogramos, categoría B –de 40 a 44 anos-) tamén logrou o ouro, tras vencer en dous combates. Nas semifinais enfrontouse a Raphael Haddad (Francia) e logrou a vitoria nun emocionante e axustado combate, que rematou co resultado de 4-5.

Na final, Salva tiña como rival ao español José Ángel Pablos e novamente fixo un magnífico traballo para impoñerse (10-12) e proclamarse así campión de Europa, por vez primeira

 Nazaret Tilve (-49 quilogramos, veterana A) tamén logrou proclamarse campioa de Europa, tras vencer na final á francesa Sabrimna Rouhani. Foi un fermoso e emocionante combate, no que Nazareth logrou impoñerse (14-15) e conseguir así o ouro.

 En -67 quilogramos (categoría A) Erea Andrade estivo moi preto do ouro, xa que foi por diante do marcador durante case todo o combate. A rival era a Marine Bovo (Francia) e a viguesa estivo mandando ata os últimos 30 segundos, nos que se lle escapou o título (2-4). Prata para Erea!

 Cristóbal Boudjenane logrou a medalla de prata en -68 quilogramos ( veterano C) tras superar ao francés Jean Marc Husson en semifinais por 9-7. Na final, Cristóbal enfrontouse ao canario Miguel Ángel Santiago, pero o galego non puido superalo ao caer por 15-7. Prata para Boudjenane!

 Jesús Couso (ouro no Europeo de Niza 2015) foi outro dos nosos medallistas. Era o único deportista inscrito na categoría de máis de 45 anos de -80 quilogramos, polo que solicitou competir no mesmo peso pero cos deportista de entre 40 e 45 anos.

 O deportista do  Hebe de Moaña cruzaríase no seu primeiro combate contra o serbio Marin Dujic. Aínda que o serbio era  corpulento e forte, Suso soubo traballar moi ben a distancia e conseguiu controlar o combate en todo momento (6 -18, resultado final).

 Xa na final toparíase co inglés Jakub  Pachansky. Suso foi por diante varias veces ao longo do combate pero a falta de poucos segundos, Couso cometeu un par de accións penalizables coas que o marcador se puxo na súa contra (9-10).

 Por último, Óscar Franco acadou o bronce na categoría de veterano A, en -80 quilogramos. O taekwondista do Patiño caeu na semifinal contra o francés Mamoudou Bassoum con certa claridade (20-9).

Página 1 de 55