Comunicación Fegatae

Comunicación Fegatae

Domingo, 07 Octubre 2018 00:00

Galicia, campioa do Open de Valencia

Galicia proclamouse hoxe en Oropesa del Mar (Castellón) campioa do Open de Valencia en técnica e freestyle. As e os deportistas galegos, que viaxaron cos seus clubes, sumaron un total de trece medallas en técnica (4 ouros, tres pratas e 6 bronces) e 6 en freestyle (4 ouros, 1 prata e 1 bronces).

Na modalidade de técnica os ouros foron para Alejandro Losada (Tao) en sénior 1 masculino e Raquel Guillén (Tao) en sénior 1 feminino. Ademais, xuntos tamén acadaron a primeira posición en parella sénior 1, igual que a parella júnior do Hebe, formada por Bárbara Di -Martino e Álvaro Portela, que tamén subiron ao máis alto do podio.

As pratas foron para Bárbara Di-Martino en júnior individual e para Alejandro Fernández (Escola Lucense) en cadete individual, así coma para a parella cadete formada por Talya Yu e Rubén Galdo  (Natural Sport Sada).

Por último, os bronces foron para Álvaro Portela (Hebe) en júnior masculino; mentres que en cadete acadaron o bronce Rubén Galdo (Natural Sport Sada); Francisco Ramos (Natural Sport Riveira)  e Yaiza Velo (Natural Sport Sada).  Ademais a alevín Kyra Estévez (Natural Sport Riveira) e o trío cadete formado por Yaiza Velo, Talya Yu e Irea Abuín  ocuparon a terceira posición.

Freestyle. Na modalidade de freestyle tamén houbo magníficos resultados para as e os deportistas galegos cun total de 4 ouros, unha prata e un bronce. O Natural Sport Sada proclamouse campión por equipos en freestyle.

En free infantil, Nadia Blanco (Natural Sport Sada) acadou a medalla de ouro, igual que os seus compañeiros de club en  -17 anos, Yaiza Velo en feminino e Rubén Galdo e masculino. Ademais a parella do Sada en free -17 anos, formada por Rubén e Irea Abuín tamén ocuparon o posto máis alto do podio. Por último sinalar a medalla de prata de Irea Abuín e o bronce de Zaida Velo, ambas do Sada.

O domingo 30 de setembro celebrouse a competición nas modalidades de técnica, freestyle e exhibición do Open Internacional Vila de Moaña.

No documento adxunto tedes os resultados.

 

Esta fin de semana disputouse o Open Internacional Vila de Moaña, coa participación de máis de 600 taekwondistas.

O sábado celebrouse a modalidade de combate coa presenza de 350 deportistas das categorías precadete, cadete, infantil, júnior e absoluta.

No documento adxunto tedes os resultados.

 

Esta fin de semana (29 e 30 de setembro) celébrase o IV  Open Internacional Vila de Moaña no que participarán máis de 600 taekwondistas de combate, técnica, freestyle e exhibición. Este open (categoría RG-2) será o segundo disputado, tralo de Ourense, do circuíto de torneos ranqueables da Federación Galega de Taekwondo correspondente a esta tempada. Neste torneo participarán 40 clubs de toda a xeografía galega, do Norte de Portugal e Castela e León.

 O sábado 29 de setembro, nas seis pistas dispostas no pavillón, terá lugar a modalidade de combate con 350 deportistas. Pola mañá (de 09:30 a 14:00 horas) será a quenda para a categoría absoluta e cadete mentres que pola tarde (de 15:30 a 20:30 horas) será o momento das categorías júnior, precadete e infantil.

 Na competición participarán deportistas laureados coma a mundialista júnior Alba Vidal, Sara Cortegoso (campioa de España absoluta), Miryam García (campioa de España universitaria, bronce no Campionato de España sub 21), Pablo Patiño (quinto clasificado no Mundial júnior), Daniel Corrales (subcampión de España sub 21), Alma Pérez (campioa de España sub 21 e clasificada para o Europeo) ou os internacionais cadetes Ainhoa García, Julián Feijoó e a local Cloe Iglesias, entre outros moitos deportistas destacados.

 O domingo disputarase a competición nas modalidades de técnica, exhibición e freestyle, coa participación de 260 deportistas.

 Ás 10:00 horas comezará a modalidade de poomsae ata as 12:15 horas, na que se iniciará a competición en freestyle, para pechar ás 13:15 horas cos equipos de exhibición. Esta xornada do domingo contará con campións de España e internacionais nas diferentes modalidades e tanto en infantil como en adulto.

 Este torneo, organizado polo club Patiño Moaña en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e o Concello de Moaña, forma parte do ranking galego. A entrada será gratuíta, pero dende a organización solicítase ao público asistente a colaboración coa Protectora de Animais do Morrazo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Do 21 ao 29 de setembro están a ter lugar en Alxeciras os 7º Xogos Europeos de Policías e Bombeiros, onde Miguel Aneiros representará ao taekwondo galego tanto na modalidade de técnica como en combate.

Miguel Aneiros, membro do Exército do Aire, en periodo de formación militar na especialidade de Seguridade e Defensa, competirá en técnica, nas categorías de Senior 1 e Trío 1 formando equipo cos compañeiros de Madrid, Agapito Gómez e máis Eduardo Lozano. Tamén participa en combate na categoría de +80 quilogramos.

Desexámoslle moita sorte!

O sábado 22 de setembro (a partir das 09:00 horas) celebrarase o Torneo Cidade de Ourense de combate (RG-3), que será a primeira proba da presente tempada en Galicia. No Cidade de Ourense participarán máis de 300 deportistas (da maioría dos clubs galegos e outros do resto de España e Portugal), máis de 50 técnicos e case 40 árbitros.

 Este torneo desenvolverase con material electrónico Gen 2, de última xeración. Ademais contará cunha destacada participación: Competirán deportistas que estiveron no último mundial júnior (Arlet Ortiz, Alba Vidal ou Ana Dosil) e outros clasificados para o próximo Europeo Cadete (Irene Montemuíño, Cloe Iglesias, Eduardo Rejo,  ou os locais Ainoha García e Julián Feijóo), entre outros.

 O torneo da modalidade de combate celebrarase no Pazo dos Deportes Paco Paz da cidade das Burgas. A actividade comezará coas categorías cadete, sénior e máster, que se disputarán pola mañá (de 9:00 a 14:00 horas) e dende as 16:00 disputaranse as categorías júnior e precadetes.

 O torneo será organizado polo club Couto en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e ademais conta co apoio de Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Consello Municipal de Deportes de Ourense e a empresa Cocacola.

 A entrada terá un custe de 3 euros por media xornada ou de 5 polo día enteiro. Ademais, haberá habilitada unha zona de comida buffet xunto ao pavillón, tanto para o público coma para as e os deportistas.

 

Miércoles, 19 Septiembre 2018 00:00

CTO MUNDO PRAIA -GRECIA- 27-04-18

Martes, 18 Septiembre 2018 00:00

Seis medallas galegas no Open de Polonia

Galicia estivo magníficamente representada esta pasada fin de semana no Open de Polonia, onde os nosos deportistas acadaron seis medallas (1 ouro, 4 pratas e 1 bronce). A júnior Alma Pérez (Suh Sport) logrou o ouro, mentres que Cloe Iglesias (Patiño Moaña),  Pablo Patiño (Patiño Moaña), Javier Torrado (Suh Sport) e José Fernández (Natural Sport) foron prata e Iván García (Mat´s) sumou o bronce. O Open de Polonia es un torneo G-1 e contou coa participación de case 1.600 taekwondistas das categorías cadete, júnior e sénior.

O ouro foi para a júnior do Suh Sport Alma Pérez (-52 quilogramos), que está nun momento espectacular. A galega fixo cinco combates e en todos estivo moi segura. Comezou contra Antonia Ioannou (Grecia) á que venceu por 4-13, posteriormente eliminou a Linda Cecchi (Italia). En cuartos superou a Maria Butcaru (Suecia) por 8-17 e nas semifinais gañou a Jamila Siddiqui (Gran Bretaña) por un rotundo 17-3. A final foi contra a belga Lies Vicca, a que tamén superou con facilidade (2-9).

Na categoría sénior, magnífíca actuación de José Fernández Rey (Natural Sport, -74 quilogramos), que logrou a medalla de prata. Venceu na primeira rolda a Hungría por 13-4, a Dinamarca na segunda por 10-4 e ao representante de Polonia por 19-10 en cuartos de final. Xa na semifinal venceu 6-5 a Marko Mutak de Croacia e caería na final 10-3 contra Piero Maric, tamén de Croacia.

Pola súa banda, Pablo Patiño (Patiño Moaña, -63)  foi prata na categoría júnior. Despois de seis combates caeu ante o subcampión do preolímpico xuvenil Oleksandr Dziuba por un axustadísimo 11 a 10, nun combate que dominio Pablo, pero que se inclinou a favor do ucraíno nun intercambio de golpes nos segundos finais. Antes venceu a Italia (6-11), Irlanda (7-25), o grego Spyrellis (22-1)e o grego Plalis (0-3). E nas semifinais superou ao croata Matej Nikolic por 0-9.

Tamén na categoría júnior, Javier Torrado (Suh Sport, -59 quilogramos) logrou a medalla de prata, despois de gañar catro combates e perder na final contra Antonio Falco (6-21). En primeira rolda superou ao irlandés David Phelan (3-0); posteriormente a Alan Vajnart (Croacia) por 8-0 ; en cuartos eliminou a Ryan Richardson (Gran Bretaña) por 11-9 e na semifinal venceu ao grego Alexios Michalopoulos (20-19).

O última prata galega foi para a cadete do Patiño Cloe Iglesias en -59 quilogramos.  Venceu no primeiro combate a Viktoryua Niakrasava (Grecia) por un contundente 0-6. Na semifinal superou á representante de Israel (5-7) e na final caeu ante Frida Sjöberg (Suecia) por 7-4. Medalla de prata para Cloe.

Ivan García (Mat´s) logrou unha traballada medalla de bronce na categoría sénior - 87 quilogramos. Venceu nos cuartos ao esloveno Divkovic por 10-6 e na semifinal cedeu ante o croata Iván Sapina  nun axustadísimo combate (8-7). Sapina foi o vencedor deste peso no Open de Polonia.

Ademais das medallas houbo unha importante representación galega no Open de Polonia, con boas actuacións a pesar de non poder subir ao podio.

Na categoría júnior, Sara Gacio (Boud Sport, -59) gañou dous combates e perdeu no terceiro. Superou á Alma Grunning (Suecia) por 5-1; a Matylda Marcinkowska (polonia) por 0-20 e caeu ante unha deportista croata nos cuartos de final.

En sénior -53 feminino, Uxía Ojea (Mace Sport) gañou en primeira rolda á representante de Israel, Sara Ben por 2-0, e perdeu no segundo combate ante Julia Ronken (Alemaña) por 12-19.

En -62 feminino, a sénior Miryam García (Patiño) fixo tres combates e caeu nos cuartos de final ante a competidora de Serbia por 1-5. Antes gañou a unha grega (1-5) e unha lituana (1-7).

En -57 quilogramos, na categoría sénior Arlet Ortiz (Mat´s) fixo dúas roldas, caendo contra Marija Stetic, unha deportista croata máis experimentada . Antes gañou a alemá Isabel Beckstein (9-18). Pola súa banda, o júnior Daniel Corrales (Patiño, + 78) caeu en cuartos ante un altísimo competidor polaco, Haremza. Na rolda anterior, gañou a Ucraína (9-6).

Adrián Pombo (Natural Sport, -80) tamén realizou dous combates: Venceu á República Checa (18-6) e caeu derrotado no segundo contra  Bielorrusia (-0-4).  Laura Dosil (Natural Sport, -67) venceu a Bielorrusia (3-11) e foi derrotada  no segundo combate contra Rebeka Furedi (Hungría), quen logrou a medalla de prata no Open.

A júnior Antía Sánchez (Suh Sport, -59), que debutaba no seu novo peso, pasou a primeira rolda ante Noruega (1-6) e caeu ante Lea Sesar (Austria) por 14-4. Pola súa banda, Desireé Rivadulla (Suh Sport, +68)  caeu no pase á loita polas medallas contra a rival de Dinamarca un axustadísimo combate (8-7). Antes venceu á representante de Gran Bretaña (0-4).

A júnior Ana Dosil (Natural Sport, -68) cae na primeira ronda contra Polonia. En sénior -73, Sofía Pérez (Natural Sport) tamén perde na primeira rolda contra Alemaña (3-0).

Na categoría júnior masculina, Sergio Gonzalo (Natural Sport, -63) cae ante a Irlanda a punto de oro e Alejandro Paz (Natural Sport, -55) caeu contra Kazajistán (16-13). O júnior Javier Cancelas (Patiño Moaña, -59) perdeu en primeira rolda contra Alemaña (23-9).

 O Kwon tamén estivo representado no Open de Polonia, tanto na categoría júnior coma cadete.

Júnior.  Izan Prego (Kwon, -63) venceu ao grego Pierakeas (4-15) e caeu ante o británico Summers nunha apertada loita (21-19). Arón Vázquez (Kwon, -63) gañou dous combate e perdeu no terceiro ante Matej Nikolic (27-14), no pase a loita polas medallas. Antes Arón gañou de forma clara ao polaco Milek (9-29) e ao serbio Stojanovic (14-9). Ademais, Lucas Mahía Vázquez (Kwon, -51)  gañou no primeiro combate ao grego Sikovelas (19-17) e perdeu conta o británico Hussain (19-12). Por último, nesta categoría Andrea Cortés (Kwon, -49) e Anahi Elena Schmidt (Kwon, -52) perderon na primeira rolda.

 En cadete houbo varios representantes galegos. Irene Montemuiño (Natural Sport, -55) realizou dous combates, vencendo por diferencia de 20 puntos a Grecia e perdendo contra Amy Mink (Holanda), que ao final foi a gañadora do torneo. A galega plantoulle cara (10-8).

Tania Cortés (Kwon, -51 quilogramos) venceu en dous combates e caeu nos cuartos de final contra Vitaliya Lazuta (Bielorrusia) que foi a gañadora do peso de forma abrumadora. Antes, Tania superou no tapiz a Polonia e Dinamarca.

Tomás María Vázquez (Kwon, -33), Laura Penas (Kwon, +59), e Lucía García (Kwon, -47) foron eliminados no primeiro combate.

 

O sábado 8 de setembro celebrouse en Pontevedra (Pavillón Zona Sur de Pontevedra) unha concentración da selección galega absoluta de combate, na que participaron uns 50 deportistas.

Esta foi a primeira xornada preparatoria da selección da tempada 2018/19 e foi dirixida polo adestrador Miguel Cortegoso. Magnífica sesión de traballo das e dos nosos deportistas.

 

Página 5 de 55