Comunicación Fegatae

Comunicación Fegatae

As medallas galegas fixéronse esperar ata a última xornada do Europeo Cadete, pero hoxe houbo dúas para os nosos deportistas. Cloe Iglesias (-59 quilogramos, Patiño Moaña) proclamouse campioa de Europa tras vencer nos cinco combates disputados, mentres que Eduardo Rejo (-61 quilogramos, Mace Sport) foi bronce.

 Cloe Iglesias (-59 , Patiño Moaña) tivo unha traxectoria impecable. Comezou contra a británica Amy Bone, á que venceu 3-8. Houbo algúns nervios na galega, pero foi quen de liquidalo con oficio e saber estar. Posteriormente superou a Julia Voll (Alemaña), nun combate no que foi de menos a máis, para finalizar cun dominio moi rotundo (4-21). Nos cuartos de final gañou a Justyna Kowalkowska (Polonia) A polaca comezou moi agresiva, pero Cloe soubo esperala e con varias anticipacións logrou un resultado avultado e cómodo (15-4).

 Pero a deportista do Patiño quería máis e seguiu firme na busca do título. Na semifinal venceu a Vesna Ajdukovic (Serbia), cunha superioridade impresionante, xa que ía 20 puntos arriba no segundo asalto (22-1 final) e logrou así plantarse na gran final contra a rusa Anna Lobashova. Outra vez Cloe estivo perfecta e controlando o combate en todo momento. Só o ímpeto final da rusa maquillou o marcador, para rematar cun 13-11 final, que non reflicte exactamente o visto no tapiz. Título europeo para Cloe Iglesias!

Eduardo Rejo (-61, Mace Sport) comezou a competición contra o francés Lawrence Felicite ao que superou, nun combate vibrante, que non se decidiu ata o final (24-29). Nos cuartos de final gañou a Berken Pazar noutra loita espectacular e axustada (38-40). Na semifinal o galego perdeu contra Bassem Amri (Francia). O pontevedrés non foi capaz de frear as accións do francés co puño e finalmente caeu por 20-9. Gran traballo e magnífica medalla de bronce para Rejo!

O sábado competiron Ainoha García (-55, Couto), que quedou ás portas da medalla, e Irene Montemuíño (-51 quilogramos, Natural Sport Riveira), que perdeu na primeira rolda.

 Ainoha García comezou a competición contra Radina Bortisova (Bulgaria) A nosa deportista comezou un pouco atenazada e ía por detrás no marcador, pero no último asalto deixou atrás a presión e logrou remontar ata acadar unha vitoria bastante ampla (20-8). En segunda rolda a rival foi a rusa Anastasiia Egarmina. A galega sufriu un pouco, pero finalmente logrou impoñerse no punto de ouro (0-3), tras finalizar o combate empatadas. Nos cuartos de final esperaba a súa compañeira da selección española Nerea Fernández e nesta ocasión, Ainoha non puido con ela e perdeu por 5-13.

 Peor sorte tivo Irene Montemuíño que caeu no primeiro combate contra a grega Ifigeneia Liakata por 13-21. Irene fixo un magnífico combate e foi en varias ocasións por diante no marcador, pero a grega remontou e cando a galega arriscou, aproveitou para aumentar as distancias.

 Julián Feijoó (-33 quilogramos, Couto), que foi o primeiro en competir no Europeo, caeu na primeira rolda do torneo. O deportista do Couto enfrontouse a Ucraína, un rival forte e dinámico, que controlaba moi ben as técnicas de xiro, e coas que sorprendeu no primeiro asalto ao galego. No segundo asalto, a presión e a ansiedade atenazou a Julián e o combate escapouse a favor de Maksym Manenkov, que finalmente foi prata neste peso.

Ainoha García (-55, Couto) quedou ás portas da medalla no Campionato de Europa Cadete, que se está a disputar en Marina D’Or (Castellón), con 740 participantes representando a 40 países. A galega caeu derrotada nos cuartos de final da competición, despois de superar dúas eliminatorias. Pola súa banda Irene Montemuíño (-51 quilogramos, Natural Sport Riveira) perdeu na primeira rolda.

 Ainoha García comezou a competición contra Radina Bortisova (Bulgaria) A nosa deportista comezou un pouco atenazada e ía por detrás no marcador, pero no último asalto deixou atrás a presión e logrou remontar ata acadar unha vitoria bastante ampla (20-8). En segunda rolda a rival foi a rusa Anastasiia Egarmina. A galega sufriu un pouco máis, pero finalmente logrou impoñerse no punto de ouro (0-3), tras finalizar o combate empatadas e sen puntuar. Nos cuartos de final esperaba a súa compañeira da selección española Nerea Fernández e nesta ocasión, Ainoha non puido con ela e perdeu por 5-13.

 Peor sorte tivo Irene Montemuíño que caeu no primeiro combate contra a grega Ifigeneia Liakata por 13-21. Irene fixo un magnífico combate e foi en varias ocasións por diante no marcador, pero a grega remontou e cando a galega arriscou, aproveitou para aumentar as distancias.

 O Europeo Cadete finalizará mañá coa participación de dous galegos: Eduardo Rejo (-61 quilogramos, Mace Sport) e Cloe Iglesias (-59 quilogramos, Patiño Moaña).

 

Julián Feijoó (-33 quilogramos, Couto) caeu na primeira rolda do Campionato de Europa cadete, que comezou hoxe en Marina D'Or.
 
 
O deportista do Couto enfrontouse a Ucraína, un rival forte e dinámico, que controlaba moi ben as técnicas de xiro, e coas que sorprendeu no primeiro asalto ao galego. No segundo asalto, a presión e a ansiedade atenazou a Julián e o combate escapouse a favor de Maksym Manenkov, que finalmente foi prata neste peso.
 
De todas formas, o galego estaba satisfeito por esta primeira experiencia nun Europeo, que, sen dúbida, lle servirá para sumar experiencia cara a próximos compromisos.
 
Moito ánimo Julián!
 
Jueves, 29 Noviembre 2018 00:00

Campionato de Europa de Clubs - Marina D'Or

Dende hoxe 29 de novembro e ata o 9 de decembro Marina D'Or será na sede do taekwondo europeo, coa celebración do Campionato de Europa Cadete de Combate e os Campionatos de Europa de Clubs nas diferentes categorías (dende precadetes a máster) e tanto en combate coma en técnica. Nestes eventos haberá unha importante presenza de clubs e deportistas galegos que volverán amosar a boa saúde do taekwondo galego.

No seguinte enlace tedes a páxina web cos resultados e sorteos: Resultados

Enlaces vídeos streaming: Vídeos

 

Cinco galegos (Julián Feijoó, Eduardo Rejo, Irene Montemuiño, Ainoha García e Cloe Iglesias) participarán no Europeo Cadete que se disputará do 29 de novembro ao 2 de decembro en Marina D´Or (Castellón). A nosa selección irá acompañada polo técnico galego Dani Torrado, que debuta como técnico da Federación Española de Taekwondo.

Julián Feijoó (-33 quilogramos, Couto) será o primeiro dos galegos en competir no Europeo Cadete. Hoxe realiza a pesada e  mañá 29 de novembro será o momento de saír ao tapiz. Julián logrou a clasificación para o Campionato de Europa, na Copa President de Atenas, onde acadou unha medalla de bronce.

 O día 1 de decembro será a quenda de Irene Montemuíño (-51 quilogramos, Natural Sport Riveira) e Ainoha García (-55 quilogramos, Couto). Ainoha participou o pasado ano no Europeo de Budapest, onde quedou eliminada nos cuartos de final.

 E por último, Eduardo Rejo (-61 quilogramos, Mace Sport) e Cloe Iglesias (-59 quilogramos, Patiño Moaña) competirán o día 2 de decembro

 Este Europeo conta cunha inscrición de 740 deportistas de 40 países europeos, logrando case dobrar a participación do pasado ano no Europeo de Budapest.

Esta fin de semana (24 e 25 de novembro) celébrase o Torneo Vila de Moaña (RG3, por vez primeira), no que participarán máis de mil taekwondistas  pertencentes a 47 clubs, ademais de 75 árbitros e 145 técnicos. En total, o Open acollerá a 1.309 persoas, sen contar toda a xente de organización.

O evento disputarase os días 24 e 25 de novembro no pavillón de Reibón, onde se instalarán 7 tapices para acoller a competición. A xornada do sábado estará adicada á modalidade de combate con 448 participantes pertencentes a 41 clubs, 39 árbitros e 55 técnicos. De 9 a 13:30 horas competirán os participantes das categorías precadete, infantil, absoluto e máster, mentres que os cadetes e júnior farano a partir das 14:40 horas (ata ás 21:30). O domingo (a partir das 09:00 horas) será a quenda para os participantes de técnica infantil e adulto, freestyle e exhibición. Na modalidade de técnica participan 220 deportistas de 19 clubs, 39 árbitros e 55 adestradores; mentres que en freestyle haberá 61 taekwondistas (7 clubs) e en exhibición, 90 participantes pertencentes a 5 clubs.

 Este torneo é organizado polo club Hebe, en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e o Concello de Moaña. O torneo, que estrea a categoría RG3 (a máxima), está incluído no circuíto de torneos ranqueables organizado pola Federación Galega de Taekwondo.

 O ranking galego é un sistema de baremación obxectivo baseado na suma de puntos naqueles torneos que forman parte do circuíto. Deste xeito, ao final do cómputo, o deportista que máis puntos obteña no seu peso será o que compita no Campionato de España.

 O custe da entrada no Vila de Moaña é de 3 euros por media xornada e de 5 polo día enteiro.

Esta fin de semana celebrouse o Open de París (categoría G-2) coa participación de numerosos deportistas galegos e a consecución dun ouro (Iván García) e sete bronces (Alma Pérez, Giovanni Imparato, Elena Pérez, Daniel Corrales, Pablo Patiño, Unai Silva e Sara Gacio) para Galicia.

Na categoría sénior hai dúas medallas. Así, hai que destacar o ouro de Iván García (Mat's) en -87 quilogramos. O galego venceu en primeira rolda ao holandés Bryan Zonderop de forma clara (16-7) e na segunda tivo como rival o tunecino Yassine Trabelski (cabeza de serie número 2), ao que superou nun combate duro e espectacular (9-6). Na semifinal gañou a Manuel Villén (deportista do CAR de Murcia) por 3-16 e chegou así a final contra o campión do mundo Alexander Bachmann (Alemaña). A final non se celebrou xa que o alemán non se presentou por un problema físico, o que nos deixou sen poder ver o que se presumía como un gran combate. Ouro para Iván!

Ademais, Alma Pérez (-53, Suh Sport) competiu nesta competición na categoría sénior cos seus 16 anos e colocouse nas semifinais tras vencer en tres combates. En primeira rolda gañou a Uxía Ogea (Mace Sport); en segunda á deportista de Israel, Abishag Semberg (11-1) e nos cuartos de final, á canadiense Ruxandra Rodgers (5-12). En semifinais esperaba a italiana Erika Nicoli (campioa de Europa júnior en 2011) e Alma plantou cara ata o final (18-11), pero non puido meterse na final. Enorme bronce para Alma, que non deixa de sorprendernos!

Categoría júnior. O resto das medallas de bronce pertencen á categoría júnior.  Giovanni Imparato (-51, Mace Sport) logrou subir ao podio tras gañar dous combates (India e Francia) e perdeu na semifinal contra Hayate Suzuki (Xapón) nun apertado combate (13-11).

Elena Pérez (-46, Natural Sport) venceu a Jil Grebe (Alemaña) por 15-16 e a Inés Ihamouine (Francia) de forma rotunda (28-0). Na semifinal caeu contra Adriana Cerezo, que logrou o ouro.

Sara Gacio (-55, Boudsport) logrou subirse ao podio tras vencer en tres combates. Primeiro gañou á francesa Alexia Amón nunha axustada loita (4-5); despois superou á alemá Franziska Drucklieb (17-13) e nos cuartos de final eliminou á francesa Aya Gouzmir (13-4). So foi superada pola costarricense Lindo na semifinal.

Pablo Patiño (-63, Patiño Moaña) superou en primeira rolda a Valeri Tavadyan (USA) de forma clara (29-11) e despois ao francés Faïz Boudjemia (3-34). Na semifinal o rival foi o español Héctor Canabal e o galego volveu a ser moi superior (4-20). Ata que no camiño se cruzou o kazajo Bekzhan Nusnalim, que se lle atragantou a Pablo (10-26). Bronce.

En -73 quilogramos, Unai Silva (Mace Sport) logrou o bronce tras superar ao italiano Giuseppe Guarna (26-30), pero na semifinal non puido co marroquí Boatris, quen logrou o título o Open de París.

Dani Corrales (+78, Patiño) foi bronce, tras perder na semifinal contra o español Andreu Pérez Campos (13-30), que logrou proclamarse campión deste peso.

Samuel Meilán (Tao) converteuse no gran protagonista do taekwondo galego e español no Mundial de Técnica e Freestyle de Taipei. O vigués sae de Taiwán con dúas medallas de bronce no seu poder. Despois do metal acadado en parellas o sábado, hoxe logrou tamén subirse ao terceiro chanzo do podio na proba individual de sénior 2. E iso que a final estivo moi preto, xa que Filipinas venceu a Samuel por só 2 centísimas na semifinal.

 

Samuel chegaba a esta proba canso, despois das trece horas no pavillón do día anterior (no que acadara a medalla de bronce xunto a Nerea Alamancos en parellas 2), e algunhas molestias musculares, pero buscaba o dobrete e este chegou.

 

O vigués librou en primeiro rolda e na segunda eliminou a Italia, “costoume un pouco porque tiña o corpo entumecido, pero gañei”, explicou. Nos cuartos de final, o rival era Estados Unidos, e novamente, Meilán foi o vencedor do duelo, xa atopándose mellor. Na semifinal enfrontouse a Ernesto Guzmán (Filipinas), campión do mundo 2016, e todo se decidiu por só dúas centésimas e, desgraciadamente, en contra do noso deportista. Pero o galego, actual campión de Europa en sénior 2, estaba moi satisfeito tanto pola súa actuación coma polos resultados, xa que regresa a casa con dúas medallas.

 

Resto dos galegos. Ademais, houbo máis participación galega na última xornada do Mundial de Técnica e Freestyle de China-Taipei. O mellor posto foi para Gabriel Tembrás (Moodukwan) en parella júnior; quen logrou a quinta posición, ao caer nos cuartos de final contra Korea.

 

 En freestyle individual -17, Celia García (Tao) logrou clasificarse para a final, onde finalmente rematou na sexta posición. Gran actuación.

 

O quinteto formado por Samuel Alves, Alejandro Losada, Manuel Rodríguez, Alicia Pérez e Laura Vázquez (Tao) acadou a oitava posición, mentres que a parella do Hebe (con Manu Paz e Bárbara Di-Martino). foi décima. Por último sinalar, que Alejandro Fernández (Escola Lucense) en cadete individual non puido clasificarse para a final, ao caer  na eliminatoria clasificatoria.

 

Chegou a medalla para o taekwondo galego no Mundial de Técnica e Freestyle de China-Taipei. Os protagonistas foron Samuel Meilán e Nerea Alamancos, que acadaron o bronce en parella 2. O restos dos participantes galegos da xornada de hoxe non acadaron o pase ás súas respectivas finais, a pesar de facer un bo traballo. Quedaron fóra das finais o trío júnior do Hebe (Álvaro Portela, Gabriele Santomé e Manuel Paz), a parella do Yidam-CEIP Balaídos de freestyle (Eirim Vaamonde e Aitor Priego) e Marcos Silva (Mace Sport) en freestyle individual.

 Bronce. Hai 11 anos estes mesmos protagonistas acadaron tamén un bronce nun Mundial, entón en parella 1. Agora repiten posición en parella 2 -cousas da idade- e facendo un papel excepcional.

 

En total era 20 os equipos participantes, polo que a organización dividiunos en dous grupos. A nosa parella estaba na eliminatoria máis complicada, con Korea e China-Taipei entre os integrantes, pero a pesar diso, fixeron unha actuación magnífica e acadaron o pase á final como cuartos clasificados.

 

Xa na final, en cuartos enfrontáronse a Gran Bretaña e a parella galega foi superior, para desta forma garantir a medalla de bronce.  Espectacular actuación, pero os vigueses querían máis e así foron en busca desa ansiada final. O rival na semifinal era Korea e nesta oportunidade, Samu e Nerea non puideron superalos, polo que finalmente acadaron unha máis que merecida  medalla de bronce.

 

Cambio de regulamento. A parella do Yidam formada por Eirim Vaamonde e Aitor Priego sabía que ía ser última antes de saír ao tapiz. Neste Mundial estableceuse unha regra pola que os participantes de quintetos e parellas non poden facer ningún tipo de apoio (penalizaría 0,3 da nota final) e a delegación española non tivo coñecemento desta regra ata hai dous días.

 

Algúns dos equipos decidiron cambiar as súas composicións de estilo libre pero na coreografía de Aitor e Eirim había moitas interaccións, polo que de suprimilas, non tería sentido o exercizo. Desta forma, a parella do Yidam xunto cos seus adestradores decidiron facer a mesma coreografía para amosar ao público o traballo que estiveron preparando durante meses, a pesar de que sabían que serían penalizados.

 

O trío júnior -formado por Álvaro Portela, Gabriele Santomé e Manuel Paz (Hebe)- tampouco puideron clasificarse para a final. Tiñan un grupo moi complicado, xa que estaban case todos os asiáticos e grandes potencias. Aínda así foron o segundo país europeo en nota, pero non foi suficiente para pasar rolda.

 

A participación galega desta xornada completouse con Marcos Silva (Mace Sport) en free individual +18. O pontevedrés fixo unha moi boa serie, pero o nivel era altísimo e non puido clasificarse para a final.

 

O Mundial rematará mañá coa participación de Samuel Meilán (Tao) en sénior 2; Gabriel Tembrás (Moodukwan) en parella júnior; Alejandro Fernández (Escola Lucense) en cadete individual; Celia García (Tao) en freestyle individual -17; Manu Paz xunto a Bárbara Di-Martino.en parella freestyle -17 e o quinteto formado por Samuel Alves, Alejandro Losada, Manuel Rodríguez, Alicia Pérez e Laura Vázquez (Tao).

Segunda xornada do Mundial de Técnica e Freestyle de China-Taipei, e novamente as e os nosos deportistas fixeron un gran papel, aínda que non puideron acceder ás medallas. Manu Paz (Hebe) logrou a sexta posición en freestyle -17, mentres que o trío 2 feminino (Noelia Pérez, Vanesa Ortega e Sonia Pérez (Hebe), caeu nos cuartos de final contra Francia. O trío cadete -cos galegos Alejandro Fernández (Escola Lucense) e Tomás Fernández (Kiap)- entraron na final e perderon contra Tailandia, nos cuartos. Ademais, Nerea Alamancos (Tao) non puido superar a segunda eliminatoria contra Alemaña por unha centésima.

                                                                    

O trío 2 feminino do Hebe (Noelia Pérez, Vanesa Ortega e Sonia Pérez) estivo moi preto da medalla. Na fase previa lograron a clasificación para a final coa sexta mellor puntuación. Na final, por eliminatorias, tocoulles enfrontarse a Francia nos cuartos de final. As galegas fixeron un gran traballo nos seus dous poomsaes, pero finalmente os xuíces decidiron a favor das francesas por unha diferencia de unha décima e media. Foi unha eliminatoria moi dura e axustada e na que o noso equipo brillou.

 

Pola súa banda Manu Paz (Hebe) fixo un magnífico papel en freestyle -17. O taekwondista galego tivo que acadar a clasificación para a final nun grupo moi duro (cos mellores competidores) e Paz non fallou e logrou unha espectacular puntuación (6.360), que lle permitiu conseguir unha praza na final.

 

Na gran final, o exercizo non foi tan preciso e os xuíces descontaron algunhas décimas que foron decisivas, para rematar cunha puntuación de 6.180 e unha fantástica sexta posición.

 

Ademais, hoxe competiu Nerea Alamancos (Tao) en sénior 2 individual feminino. A viguesa superou a primeira ronda contra Francia sen excesivos atrancos e caeu por só unha centésima contra Alemaña. Nerea estaba contenta coa súa actuación e sobre todo polo primeiro poomsae, no que logrou superar a súa rival por unha décima. Ao final, todo se decidiu por un suspiro e así finalizou a súa andadura no Mundial de Taiwán.

 

E para rematar, os nosos pequenos representantes no Mundial. Os cadetes Alejandro Fernández (Escola Lucense) e Tomás Fernández (Kiap) formaban parte do trío cadete e finalmente caeron en cuartos. O trío logrou o pase para a final e aí disputou o pase ás semifinais contra Tailandia. Non puido ser, pero moi grandes os nosos rapaces, que xa teñen unha experiencia nun Mundial ás súas costas.

 

Mañá celebrarase a terceira xornada do campionato e será a quenda da parella 2 formada por Samuel Meilán e Nerea Alamancos (Tao); do trío júnior formado por Álvaro Portela, Gabriele Santomé e Manuel Paz (Hebe); de Eirim Vaamonde e Aitor Priego (Yidam-CEIP Balaídos) en parella de freestyle +18 e de Marcos Silva (Mace Sport) en free individual +18.

Página 2 de 55