Comunicación Fegatae

Comunicación Fegatae

Esta fin de semana  celebraranse as fases provinciais de de Pontevedra, A Coruña e Lugo do taekwondo escolar nas modalidades de técnica e freestyle na que participarán preto de 550 deportistas das categorías benxamín, benxamín, alevín, infantil,  cadete e xuvenil.

 

A fase provincial da Coruña celebrarase o sábado 21 de abril (09:30 horas) no Pavillón de Palmeira – Alcalde Torres Colomer en Riveira, organizado polo club Natural Sport de Riveira, coa participación de 191 deportistas. A proba de Lugo tamén se disputará o sábado, no Pavillón Municipal de Taboada a partir das 10:00 horas coa participación de 71 taekwondistas. Este torneo será organizado polo Neka.

 

A última fase provincial en celebrarse esta fin de semana será a de Pontevedra, que terá lugar o domingo 22 de abril no Centro Galego de Tecnificación Deportiva en Pontevedra (a partir das 09:30 horas). Será a proba de maior participación con 277 taekwondistas inscritos e estará organizada polo Mace Sport.

 

A fase provincial de Ourense disputarase o sábado 28 de abril no Pavillón de Oira (Ourense) con 58 deportistas inscritos.

 

A metade mellor clasificada dos deportistas lograrán a clasificación para a fase final, que se celebrará o domingo 6 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte de Lemos. Esta actividade está incluída no programa do Deporte Escolar Xogade, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo.

A selección galega cadete proclamouse hoxe vencedora do XVI Open de Arrigorriaga, tras sumar un total de 12 ouros, 6 pratas e 6 bronces. O noso combinado venceu na categoría feminina, na masculina e na xeral.

 Triplete de medallas para Galicia en -41 quilogramos masculinos. Javier Jiménez (Natural Sport Sada) superou na semifinal a Manuel Castro (Budsport) por 26-4, mentres que Samuel Meilán (Tao) venceu nesta mesma eliminatoria a Ander Sánchez (Garriko) con enorme superioridade (0-20). Na final, triunfo para Javier Jiménez por 17-7, logrando así a medalla de ouro, mentre que Samuel Meilán foi prata e Manuel Castro, bronce.

 En -49 quilogramos masculino houbo tres medallas galegas. Iker García de la Llera (Natural Sport) logrou o ouro tras vencer na semifinal a Martín Conde (Couto) por 16-9 e na final a David M. Barbosa (Budo Castrelos) por 10-16. Barbosa superou na semifinal ao representante de Aragón, Jorge Hernández, por 24-1.

 En -45 quilogramos gozamos cunha fermosa final galega protagonizada por Diego Rodríguez (Mace Sport) e Julio Iglesias (Natural Sport). Foi un dos pesos máis competidos, xa que os nosos competidores fixeron un total de 4 combates. Na semifinal Diego Rodríguez superou a Javier Requejo (The Masters) por 3-24, mentres que Julio gañou a Gentza Astobiza (TKD Llodio) por 5-3. Na final foi mellor Diego, que venceu de forma clara (18-2).

 Tamén tivemos final galega no peso pesado, con Hugo Trillo (Maniotas) e Darío Fernández (Hebe). Na semifinal Darío deixou atrás a Iván Mediavilla (12-4), mentres que Hugo gañou a Marcos Bailéz (16-14). Na final, triunfo para Trillo por 10-2.

 Samuel Méndez (-57, Arte e Movemento) acadou a medalla de ouro tras vencer na final a Zhi Yuan Yang por un rotundo 1-22. Diego Álvarez (-53, Natural Sada) tamén logrou subirse ao máis alto do podio despois de superar tres combates. Na final gañou a Iker Alonso (Gimnasio Dochang) con gran superioridade (18-2).

 Ignacio Remuiñán (-37, Natural Sport) foi o mellor no seu peso tras superar tres combates, vencendo na final a Lander Rodríguez (The Masters) por 7-9.

 En -33, ouro para Julián Feijóo (Couto), que gañou na semifinal a Paulo Sanabria (26-5) e na final a Aingeru Araújo (The Masters) por 19-10.

 Na categoría feminina houbo 4  ouros, 2 pratas e 4 bronces. En – 37 quilogramos, tres galegas no podio. Vanesa Roo (Natural Sport) logrou a medalla de ouro tras eliminar en semifinais a súa compañeira de selección Carme Santamaría (Natural Sport) por 20-8 e na final a Alice Arina por 24-2. Ademais, Carla Diéguez (BudSport) logrou a medalla de bronce tras gañar dous combates.

 Cloe Iglesias (-59, Patiño) logrou a medalla de ouro despois de vencer na final a Carmén Pisón (Ciudad de Logroño) por 26-3. E tamén ouro para Yadira Reimúndez (Mat’s) en -47 quilogramos tras gañar tres combates. Na final superou a Lucía Rodríguez (Garriko) por 12-8.

 No peso pesado, ouro para Nuria Cernadas (Natural Sport) que superou tres combates. A final, contra a aragonesa Lucía Garzón, decidiuse no punto de ouro a favor da galega (0-2).

 En -51, prata para Irene Montemuiño (Natural Sport) que foi superada na final por Lucía Vara (Club Zamorano de Taekwondo) nun apertado combate que se decidiu no punto de ouro a favor da zamorana. Na semifinal Irene venceu a Garazi Benítez (0-3).

 Silvia Otero (Mat’s) logrou a medalla de prata en -33 quilogramos, un peso superior ao seu, pero no que participou xa que no seu estaba soa. Así que aínda máis mérito para esta prata. En semifinais venceu a Noelia Izquierdo (Federación Aragonesa) por 6-0.

 Fátima Martínez (-55, Couto) conseguiu o bronce tras vencer en cuartos de final a Erika Martínez (The Masters). Na semifinal caeu contra Iraya Peque, que foi ao final a vencedora do peso.

 En -41, bronce para Lucía Montemuiño (Natural Sport) que gañou dous roldas para caer en semifinais nun axustadísimo combate fronte a Myriam Córdoba, que foi a vencedora do Open de Arrigorriaga.

Rematou o Campionato do Mundo Júnior para os deportistas galegos coa participación hoxe de Unai Silva (-68, Mace Sport) e Ana Dosil (-63, Natural Sport). Ambos gañaron un combate e caeron en segunda rolda.

 

Ana Dosil (-63, Natural Sport) comezou a competición fronte a Erato Athanasiou (Chipre) e venceu con comodidade (14-3). Ana saíu moi concentrada e logrou marcharse no marcador cun 9-1 no primeiro asalto. Despois so tivo que manter a renda. Combate moi ben controlado.

 

Pero na segunda eliminatoria, rematou a súa aventura. Enfronte estaba Celine Schmidt (Alemaña) unha competidora altísima e moi forte que non deixou ningún resquicio para que Ana puidese puntuar. A nosa taekwondista intentou traballar por dentro, pero a rival protexíase moi ben (11-3).

 

Unai Silva (-68, Mace Sport) fixo o primeiro combate contra Patrik Pavlekovic (Croacia) e foi tremendamente superior (22-6). Unai controlou ao seu rival en todo momento e non sufriu para vencer nesta primeira rolda.

 

Pero na segunda esperaba un durísimo rival, o bielorruso Iván Paulouski. Foi un combate trepidante cun ritmo altísimo que Unai non puido seguir e o bielorruso logrou vencer con amplitude (21-12).

 

E así rematou o Mundial Júnior de Túnez para Galicia (aínda queda unha xornada máis por disputarse), coa participación de cinco galegos (sendo a comunidade con máis representación xunto a Valencia). Pablo Patiño fixo catro combates e logrou chegar aos cuartos de final, mentres que Arlet Ortiz superou dúas roldas. Ana Dosil e Unai Silva fixeron dous combates e Alba Vidal caeu no primeiro (no punto de ouro).

 

 

Magnífico traballo dos nosos deportistas na xornada de hoxe no Mundial Júnior, que se está a disputar estes días en Hammamet (Túnez). Pablo Patiño case rozou a medalla, tras vencer en tres combates e perder nos cuartos de final. Así, con 15 anos logra a quinta posición no Mundial. Pola súa banda, Arlet Ortiz tamén tivo unha boa actuación ao vencer en dous combates e caer no terceiro, mentres que Alba Vidal fixo un gran combate na primeira rolda, aínda que perdeu no punto de ouro por rexistros.

 Pablo Patiño (-63, Patiño) venceu no primeiro combate  a Hamzeh Faraj (Líbano). Foi un rival moi alto e incómodo e nos dous primeiros asaltos a Pablo costoulle un pouco, polo que o combate estivo bastante igualado. Pero no terceiro apertou e logrou distanciarse para vencer por 19-6. Na segunda rolda, Pablo enfrontouse ao ruso  Iaroslav Petrenko. O rival era moi alto (case 1,90) e houbo un final de infarto (6-7). E iso que Pablo de entrada sorprendeu ao ruso e logrou marcharse cun resultado claro (6-0). Despois Petrenko foi reducindo distancias, pero Patiño foi quen de aguantar e vencer.

 En terceira rolda esperaba o marroquí Yousse Boatris. Non puido haber máis emoción neste combate que se decidiu no punto de ouro. E iso que Pablo ía moi por detrás no marcador (7-3) ata que comezou a remontar no terceiro asalto para rematar con empate (11-11). E no punto de ouro sorprendeu ao seu contrincante cun bandal directo, nada máis o árbitro sinalara o comezo.

 E así conseguiu o pase para os cuartos de final, onte tiña coma rival ao italiano Gabriele Caulo. Foi un combate con moita tensión. O italiano conseguiu destacarse no marcador un pouco no inicio, pero Pablo remontou, ata que nun intercambio de golpes Caulo logrou alcanzalo arriba e así aumentou as distancias. Nos instantes finais Patiño arriscou para remontar e o rival volveu a puntuar (13-7).

 Arlet Ortiz (-52, Mat’s) comezou a competición contra Tala Roshdy (Exipto) nun peso formado por 41 participantes. A galega foi moi superior e logrou vencer por un claro 13-5. No segundo combate enfrontouse á Sofía Lazos (México). Foi unha pelexa dura. Arlet comezou gañando, pero a mexicana logrou adiantala. Arlet, unha vez máis, demostrou que é moi forte de cabeza, e remontou para finalizar gañando por 7 a 6. Finalmente Arlet caeu en oitavos contra  Ozoda Sobirjonova (Uzbekistán) por 10 a 4. Foi un combate moi pechado, que se decidiu en contra da nosa deportista no terceiro asalto.

 Alba Vidal (-55, Kido) tiña como rival en primeira rolda á coreana Sun-Kyeong Baek. Foi un fermoso combate, cunha magnífica actuación da nosa deportista. Ao remate dos tres asaltos había empate (3-3) e foi necesario acudir ao punto de ouro. Finalmente a vitoria foi para a coreana por rexistros.

 E mañá será a quenda para Unai Silva (-68, Mace Sport) e Ana Dosil (-63, Natural Sport). Ana comezará a competición fronte a Erato Athanasiou (Chipre) nun peso formado por 39 taekwondistas. Pola súa banda Unai realizará o primeiro combate contra o vencedor do enfrontamento entre Gabriel Briskar (Eslovaquia) e Patrik Pavlekovic (Croacia).

 

 

 

Chegou o momento. Esta vez o Tao de Vigo non se enfronta a un campionato nacional ou internacional. Nesta oportunidade o Tao medirase a 14 rivais de diferentes especialidades nun concurso de talentos de televisión, pero hai unha cousa que non variará: O Tao sae co obxectivo de facer un gran traballo e gañar, igual que se fose un torneo deportivo.

 

O mércores 11 de abril (a partir das 22:00 horas) o Tao de Vigo participará na gran final do programa Got Talent de Telecinco. Xa sorprenderon na primeira fase e na semifinal, pero a coreografía da final é superior en dificultade á dos dous exercizos anteriores e con elementos moi sorprendentes. O equipo da final está formado por 11 deportistas, os 10 da semifinal (Samuel Meilán, Manuel Rodríguez, Samuel Alves, Jorge Posada, Iago Davila, Hugo Davila, Sara Davila, Celia García, Alicia Pérez e Eva Morales), máis o taekwondista que por lesión non puido participar nela (David Boquete). Entre eles hai medallistas europeos ou mundiais coma Samuel Meilán, Manuel Rodríguez ou Samuel Alves. O máis veterano é Samuel con 34 anos e a benxamina é Eva Morales, con 9.

 

O programa é en directo e o público terá un papel fundamental. Cando chegue o momento da actuación do Tao, aparecerá en pantalla un teléfono e haberá só dez minutos para votar nese número. E deses votos depende o resultado final, xa que nesta oportunidade o xurado non intervén na decisión do gañador do concurso.

O sábado celebrouse en Ordes o Campionato Galego Cadete e sub 21 no que participaron máis de 250 deportistas.

No documento adxunto tedes os resultados.

Malas noticias dende Túnez. Hoxe disputábase o clasificatorio para os Xogos Mundiais da Xuventude de Bos Aires 2018 e Arlet Ortiz e Pablo Patiño non puideron lograr a súa clasificación.
 
Pablo Patiño (-63, Patiño) venceu con moita facilidade no primeiro combate a Abdullah Fuad (Bahrain) por un rotundo 26-5, e no segundo tiña como rival ao representante de Marrocos, Youssef Boatris. Pablo comezou mandando no marcador, pero Boatris logrou sorprendelo cunha acción arriba e non quedaba outra que remontar. E Pablo estivo a punto de facelo, pero quedou ás beiras cun 12-11.
 
Pola súa banda, Arlet Ortiz (-55, Mat's) caeu no primeiro combate ante a polaca Ewa Jamiolkowska. Arlet saiu mal e no primeiro asalto encaixou un 4-0. No segundo reaccionou e logrou poñerse a só un tanto (4-3) e no terceiro, ao intentar remontar,a polaca logrou aumentar as distancias (10-6).
 
Pero hai que levantar a cabeza e pensar xa na próxima "batalla", que ademais está moi preto e é moi importante: O Mundial Júnior!
 
 
Moito ánimo e adiante!!!!
 

Cinco galegos (Arlet Ortiz, Pablo Patiño, Alba Vidal, Unai Silva e Ana Dosil) participarán nos próximos días no Campionato do Mundo Júnior, que se celebrará do 9 ao 13 de abril en Hammamet (Túnez). Ademais, antes (6 e 7) Arlet e Pablo disputarán o Clasificatorio dos Xogos Mundiais da Xuventude.

 

Os primeiros en actuar serán Pablo Patiño (-63, Patiño) e Arlet Ortiz (-55 quilogramos, Mat’s), que xa se atopan en Hammamet, adestrando e preparándose para a competición, que terá lugar o sábado 7 de abril. Mañá venres realizarán a pesada. Ambos están moi ilusionados ante a posibilidade de disputar os Xogos Mundiais da Xuventude de Bos Aires 2018.

 

Arlet explicou que o preolímpico é unha gran recompensa. “Ao comezo era un soño e agora, unha realidade. Só queda afrontalo coa maior ilusión posible e facelo o mellor que se poida”. Arlet  comezará a competición contra Ewa Jamiolkowska (Polonia) nun peso de 42 taekwondistas.

 

Pola súa banda, Pablo fala dun importante reto: “É unha recompensa a todo o traballo feito. Afrontareino con moita ilusión e deixareino todo para poder estar en Bos Aires neses Xogos. Todo un reto”. O peso de Pablo é enorme, con 65 deportistas. Patiño comezará ante Abdullah Fuad (Bahrain) e para acadar a clasificación ambos terían que gañar tres combates (chegar a cuartos).

 

O clasificatorio celébrase sobre cinco pesos (masculinos e femininos) e cada país só pode presentar a tres deportistas masculinos e tres femininos. Logran o pase os oito mellores deportistas de cada peso.  Neste torneo participan 438 taekwondistas de  111 países.

 

E case sen tempo para respirar, comezará o Mundial Júnior (9 ao 13 de abril), no que Galicia contará con cinco representantes, que se gañaron a súa clasificación no Campionato de España e no Open de Holanda. Galicia é a comunidade que máis deportistas aporta á selección española xunto coa Comunidade Valenciana (5).  Ademais de Pablo Patiño e Arlet Ortiz, tamén acadaron a súa clasificación para o Mundial Alba Vidal, Ana Dosil, Unai Silva. Neste torneo participarán  962 deportistas de 12 países, nados entre  o 1 de xaneiro de 2001 e o 31 de decembro de 2003.

 

Os nosos deportistas acoden a esta cita cunha gran preparación e moitísima ilusión por facer as cousas ben.

 

Para Arlet Ortiz (no mundial competirá no seu peso, -52) este é o seu primeiro mundial e afróntao “con moita ilusión porque é a recompensa a un traballo continuo e ben feito. O único que desexo desta cita é facelo ben. Encantaríame subirme ao podio, pero o principal é sentirme satisfeita co traballo realizado”.

A galega cree que chega en boas condicións, despois de moitos entrenos e numerosos campionatos coma o Open de Holanda ou os Campionatos de España júnior e sénior. Sobre adversarias, sinala que “calquera pode ser moi complicada, pero sempre hai algunha favorita coma a anterior campioa do Mundo ou a campioa de Europa”. Compite o 11 de abril.

 

Alba Vidal (-55, Kido Sport) tamén participará no seu primeiro Mundial e considera que “é froito dun bo adestramento e gran esforzo. Vouno afrontar dando todo o posible e quero quedarme con boas sensación e un traballo ben feito, buscando evidentemente subir ao podio”. A súa competición celebrarase o día 11 de abril.

Alba explicou que “a preparación comezou xa dende o inicio de tempada traballando no CGTD con Jesús e Belén (adestradores) e os meus compañeiros cara ao nacional. Ademais, fixemos moitas saídas para buscar unha boa rodaxe para este campionato”.

No seu peso hai 58 adversarias, “das que destacan a representante de China Taipei que é a campioa do mundo, a representante grega (bronce europeo) e outras representantes cun gran medalleiro en opens internacionais”.

 

Unai Silva (-68, Mace Sport) é o galego con máis experiencia nestas citas, xa que este será o seu segundo Mundial (xa disputou un en Korea): “Vouno afronta da mesma ou mellor maneira que o anterior. Ir a un Mundial significa moito esforzo e hai que conseguir que todo ese traballo quede demostrado nese ansiado campeonato. Farei todo o posible para volver a casa cunha medalla”.

Unai tamén destacou o gran traballo de preparación que fixeron con Jesús Benito no CGTD: “Jesús moveuse moito para axudarnos a estar o máis finos posible nesta cita”. Como adversarios principais no se peso, que se celebrará o día 12, destaca a Irán, Korea ou Turquía.

 

Ana Dosil (-63, Natural Sport) tamén pensa que a clasificación para o Mundial  “é consecuencia do traballo e tempo de dedicación. O principal é gozar ao máximo da experiencia e dalo todo no tapiz: Facer o que levo traballando todo este tempo e confío en que iso me leve a meterme no podio.

 

Dosil explica, como os seus compañeiros, que “este campionato non se prepara nun mes. Levo traballando dende o comezo de tempada co obxectivo posto no Nacional, que foi o que me deu o pase ao Mundial. Foron semanas de moita carga de traballo e agora estamos  afinando pequenos detalles para chegar nas mellores condicións”.

Na súa categoría (-63 quilogramos) hai 44 participantes “das cales dez destacan con bos resultados en nos Mundiais e Europeos, como Turquía, Serbia, Rusia ou Croacia”. Compite o día 12 de abril.

 

E rematamos con Pablo Patiño (-63, Patiño), no seu primeiro Mundial e campionato deste nivel na categoría júnior. O deportista explicou que ao coñecer o calendario xa comezou a pensar nestes torneos: “En canto saíron as datas oficiais destes eventos, tanto o preolímpico coma o Mundial, os nosos obxectivos principais eran participar en ambos, principalmente no Mundial, que era o que dependía de min, e para iso tiven que preparar a conciencia o Nacional e o Open Internacional de Holanda”. Para Pablo estar en Hammamet “significa unha recompensa a todo o traballo realizado ata agora e espero que este esforzo nos leve ao máis alto do podio e a coller moita máis experiencia”.

 

No seu peso, que terá lugar o 11 de abril, hai grandes rivais: “Tanto no Mundial como no preolímpico teño a rivais con grandes fazañas coma o coreano campión de Asia o pasado ano, Irán, Rusia ou Turquía, que presentan resultados similares”.

 

Página 12 de 55