Comunicación Fegatae

Comunicación Fegatae

O domingo 6 de maio celebrouse en Monforte de Lemos o Campionato Autonómico Escolar de Técnica e Freestyle coa participación de 300 deportistas.

No documento adxunto tedes os resultados.

A selección galega absoluta, júnior e cadete participará este sábado na cuarta edición do Open Profesional de Taekwondo de Zamora. En total haberá máis de 600 competidores de 56 equipos procedentes de toda España e de países coma México, Marrocos e Francia. Ademais, o equipo do Tao que quedou na segunda posición no programa Got Talent realizará unha exhibición para o público asistente.

 A Federación Galega despraza a un completísimo equipo, que competirá en todas as categorías. Este torneo será ademais o último  preparatorio para os cadetes e sub-21 antes do Nacional do día 26 de abril.

 No seguinte enlace tedes a convocatoria:

 

http://www.taekwondogalego.com/fegatae2015/index.php/ximnasios/convocatorias/item/2611-tkd-profesional-05-05-18

 

 

O domingo 6 de maio (10::00 horas, entrada de balde) celebrarase no Pavillón da Pinguela de Monforte de Lemos o Campionato Galego Escolar das modalidades de técnica e freestyle, que reunirá a 300 participantes das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil masculino e feminino. Ademais haberá preto de 40 árbitros para puntuar e valorar os exercizos dos deportistas.

 Na modalidade de técnica hai inscritos 269 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, mentres que no freestyle (infantil e cadete masculino e feminino) están inscritos 30 taekwondistas. O freestyle é unha  modalidade que combina a técnica con coreografía, música e acrobacias, moi espectacular cara ao público.

 Para participar na final, as e os deportistas tiveron que quedar na metade mellor clasificada nas fases provinciais. Esta actividade está incluída no programa do Deporte Escolar Xogade, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo.

 

 

Rematou a Copa Presidente de Atenas e non o puido facer de mellor maneira para Galicia. Tania Castiñeira (Hebe), a nosa última representante neste prestixioso torneo (clase G-2), logrou a medalla de ouro no peso pesado da categoría júnior feminina e ademais acadou a clasificación para o Campionato de Europa sub 21.

 Tania estivo espectacular, vencendo en todos os seus combates con folgura. Comezou a súa marcha pola President Cup contra a grega Eirini  Tsogka e venceu cun contundente 17-5. En segunda rolda esperaba a turca Dilara Arslan, que está clasificada para os Xogos da Xuventude. Pero Tania seguiu intratable e gañou por 16-4. Nos cuartos de final, a rival era a rusa  Linara Muslimova e novamente control absoluto da deportista do Hebe que se impuxo por 9-3. Na semifinal, Tania impúxose  a Sevasti Gavriilidou (Grecia) por 11-4. E rematou a súa actuación en Atenas, co quinto e último combate fronte a Tuba   Donukara (Turquía) a quen venceu por 6-2.

 Así, pechouse para Galicia a Copa Presidente de Atena co ouro de Tania Castiñeira e os bronces dos cadetes Julián Feijoó (Couto) e Cloe Iglesias (Patiño).

 

 

 

Rematou o Mundial Praia de Rodas (Grecia) e fíxoo coa disputa da modalidade de rompementos na que Galicia volveu brillar. Así, a selección galega puido despedirse con seis medallas máis (tres pratas e tres bronces). Ademais, hai que destacar que Miguel Barreiro (Yidam) foi seleccionado para formar parte do equipo de exhibición da Federación Mundial do 1 de xullo ao 31 de decembro.

 En Spinning Kick –rompementos de xiro vertical e horizontal- houbo dúas medallas:  Manuel Paz (Hebe) foi prata e Adrián Ventín (Mace Sport), bronce. Espectacular traballo de ambos que fallaron en dúas táboas. Finalmente os xuíces puntuaron máis a Manu, pero hai que destacar a enorme potencia de Adrián.

 En Freestyle Breaking -combinación de rompementos, ata dez e nun tempo máximo de 2 minutos-, tamén dobrete galego: Medalla de prata para Miguel Barreiro (Yidam) e bronce para Adrián Alonso (Yidam). Miguel estivo case perfecto –só fallou un rompemento- e a altura que alcanza da moitísima espectacularidade. Pola súa banda, Adrián Alonso tamén destacou pola potencia que ten ao facer as súas acrobacias.

 En Jumping Múltiple Kick Ángel López (Mace Sport) acadou a medalla de bronce. O galego saíu a por todas e decidiu arriscar subindo a altura das táboas e, quizais por iso, fallou un pouco máis que na semifinal.

 Por último, en High Kick Performance (a patada máis alta) Miguel Barreiro (Yidam), o home máis destacado do día, acadou outra medalla de prata, por detrás do coreano. Onte a altura máxima foi 2,60 metros. Hoxe partiron de 2,30 e foron subindo ata  2,65 metros.

No día de hoxe participaban catro galegos na Copa Presidente de Atenas, na penúltima xornada deste importante torneo. Pero nesta oportunidade, os nosos deportistas non puideron acadar unha medalla. José Fernández e Irene Montemuiño caeron nos oitavos de final, despois de facer unha boa actuación. Pola súa banda, Katia Calvar e Pablo Fernández Eiras perderon no segundo combate.

                                                           

José Fernández (-74, Natural Sport) gañou no primeiro combate contra o chipriata Andreas Stylianou con certa comodidade (14-4). En segunda rolda, José enfrontouse ao turco Kutay Cekem ao que superou no punto de ouro despois de rematar os tres asaltos con empate (4-4). Foi un duro rival, ao que logrou superar puntuando arriba. En oitavos de final esperaba Marko Mutak (Croacia), un vello coñecido para o noso taekwondista. O combate estivo moi apertado ata o final, cun José excepcional, que loitou ata o final polo triunfo, que se decidiu por pequenos detalles a favor de Mutak (5-4). Ao final o croata logrou a medalla de prata.

 

A cadete Irene Montemuíño (-51, Natural Sport) comezou a competición fronte a Chrysanthi Maziani (Grecia) cunha clara vitoria (18-9) para seguir avanzando. Venceu tamén no segundo combate con solvencia á turca Berra Nur Aktas (4-18) e caeu en oitavos de final contra Svetlana Dikova (Rusia). Foi unha loita complicada, xa que a rusa tiña unha moi boa perna dianteira, que freaba a calidade técnica de Montemuiño, que se despediu así da posibilidade de clasificarse para o Europeo cadete.

 

Katia Calvar (-62, Mat’s) venceu en primeira rolda á rusa Anna Kashirina por 8-6. No segundo combate esperaba unha coñecida, a española Jone Magdaleno, que logra vencer a Katia por 13-8.

 

Pablo Fernández Eiras (+87, Mat’s) superou a primeira rolda, pero caeu en segunda contra Oleg Kuznetcov (Rusia), quen ao final logrou a vitoria neste peso.

 

Mañá remata a Copa Presidente coa participación da júnior galega Tania Castiñeira (+68, Hebe). A súa primeira rival será Eirini Tsogka (Grecia).

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Página 10 de 55